A Deputación de Pontevedra manterá o seu apoio para as festas de interese turístico nacional e internacional

A Deputación de Pontevedra manterá o seu apoio para as 10 Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional que ten no seu territorio, independentemente de que sexan aprazadas ou canceladas debido á crise sanitaria. 

Así o confirmou a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias, nunha reunión telemática cos concellos e organizadores dos eventos, aos que lle ofreceu un abano de posibilidades que van dende o cambio de datas ata a reformulación dos actos, pasando tamén pola opción de centrarse na realización de accións promocionais, de cara a edición de 2021.

O obxectivo é que ningún evento turístico perda pulo por mor de falta de apoio institucional nesta situación de crise sanitaria causada pola Covid19. "Queremos seguir con vós porque sabemos que sodes fundamentais para o prestixio turístico da nosa provincia", afirmou Iglesias. "Estamos nun ano complicado, pero temos o máximo interese en manter as axudas e contribuír no que faga falta para que as festas se adapten tamén á "nova normalidade" e ás garantías sanitarias".

Os organizadores/as dos principais eventos do calendario festivo da provincia amosaron a súa satisfacción co anuncio e agradeceron o compromiso da Deputación que, ademais de dar tranquilidade no que atinxe ao soporte económico, pon a disposición dos concellos, entidades e asociacións o asesoramento técnico e administrativo para o desenvolvemento dos necesarios plans de continxencia.

Na xuntanza participaron os concellos e organizacións de tódolos eventos que restan por celebrarse, unha vez que a Festa do Cocido (Lalín) e a Festa da Arribada (Baiona) xa tiveron lugar e a Festa da Reconquista (Vigo) foi suspendida por mor da coincidencia co estado de alarma. Entre os asistentes estaban os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, e O Grove, José Antonio Cacabelos, ademais de concelleiros/as de Turismo, técnicos municipais e o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Monteagudo.

A provincia conta dende este ano con 6 Festas de Interese Turístico Internacional: a Festa da Arribada, de Baiona; a Festa do Cocido, de Lalín; a Rapa das Bestas, de Sabucedo; o Corpus Christi, de Ponteareas; a Festa do Albariño, de Cambados e a Romaría Viquinga, de Catoira. Ademais, hai outras catro Festas de Interese Nacional: a Festa da Reconquista, de Vigo; a Festa da Lamprea, de Arbo; a Festa do Marisco, do Grove e a Festa da Auga (San Roque), de Vilagarcía.