Pontevedra anima a consumir produtos de proximidade coa súa nova campaña

A Deputación de Pontevedra vén de presentar a súa nova campaña “Pontevedra provincia na túa cesta”, coa que pretenden xerar oportunidades de consumo de proximidade entre os seus habitantes, valorizando os produtos da provincia e reivindicando o traballo dos seus produtores. 

Segundo recordou a presidenta Carmela Silva en rolda de prensa “a aposta polos produtos de proximidade é fundamental”. Recordou que xa foi o centro da campaña Fame de experiencias durante o ano pasado e reivindicou que neste momento de crise “novamente situamos o produto e as persoas produtoras no centro da nosa acción”. 

Así, chamou a poñer en valor que “somos capital da industria conserveira, con máis de 3.000 bateas de mexillón, produtos de interior que significan o mellor da dieta atlántica, que producimos viños de grande calidade, variedades autóctonas de mazá que producen sidra de gran calidade…” 

A campaña contará cun vídeo de marcado carácter emocional que se lanzará este martes. Ademais, levará asociados hashtags concretos como #saboreaonosoviño ou saboreanosahorta para promover a participación e tratará de poñer o foco nun produto concreto cada día, tendo en conta o equilibrio territorial.