Ponteareas reclama a declaración de BIC para as súas alfombras florais

Este ano en Ponteareas non haberá alfombras florais polo Corpus Christi, a crise sanitaria ten conseguido cancelar unha popular e histórica celebración que leva afincada na vila máis de 150 anos. 

Pero a pesar de todo, concello e veciños non se resignan a festa pase desapercibida. Mentres os veciños preparan un corpus virtual e "de balcón", argallando decoracións florais adaptadas aos novos tempos, o alcalde acaba de reclamar unha vez máis a declaración das alfombras como Ben de Interese Cultural Inmaterial 

Xosé Represas destaca que hai dous anos que se entregou a documentación necesaria para que se abrise o expediente pero asegura que descoñecen o estado de tramitación actual e a valoración do goberno autonómico. 

“Neste momento, no que non podemos confeccionar as alfombras de flores nin celebrar o Corpus polo coronavirus, a declaración BIC suporía un gran recoñecemento e respaldo para todas as veciñas e veciños portadores desta tradición dende hai case dous séculos” manifestou Represas.

Dende o concello están convencidos que pola súa longa tradición, polo facer artesanal, por ser unha arte sustentable, por tela capacidade de congregar, ano tras ano, a milleiros de visitantes pero, sobre todo, pola unión das súas xentes e a constancia no seu traballo, a arte alfombrista reúne practicamente tódolos requisitos para ser declarada BIC Inmaterial, segundo recolle o artigo 9.3 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia