Os festivais audiovisuais de Pontevedra celebraranse no último cuadrimestre do ano

Os principais festivais de cinema da provincia de Pontevedra mantiveron hoxe un encontro telemático coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, no que se confirmou que todos manteñen a súa intención de celebrar as súas edicións de 2020 durante o último cuadrimestre do ano. 

Así que se todo segue segundo o previsto non teremos que esperar ata 2021 para gozar unha vez máis co Play Doc de Tui, FIC Bueu, Festival de Cans do Porriño, Curtas Armandiña de Poio, Novos Cinemas de Pontevedra, Festival de Cine Inclusivo, Freaky Film e Primavera do Cine, os tres de Vigo, e Curtas Film Fest de Vilagarcía de Arousa 

Ante a incerteza dos protocolos sanitarios que terán que aplicarse en función da evolución do Covid19, Deputación e Festivais estudiarán a posibilidade de elaborar un modelo único para todos os eventos que permitiría harmonizar a súa posta en marcha e difundir unha marca de seguridade cara ao público. Da mesma forma, a presidenta provincial comprometeuse a facilitar á organización dos eventos “todo o material do que dispoñamos, tanto de sinalización, de deseño de espazos e incluso de protección como os dispositivos móbeis de control de temperatura, amais da formación necesaria para usalos”. 

Ademais, o organismo provincial manterá todas as axudas e subvencións aos festivais de cinema co obxectivo en palabras de Carmela Silva “de apoiar unha vez máis á cultura, ao cinema que tanto pulo dá a esta provincia, e a saír reforzados e reforzadas socialmente desta crise” 

Paralelamente, na reunion tamén se avanzou na creación “dunha marca propia de calidade” que integre a todos os festivais, que será escollida de forma consensuada, e que terá unha presentación oficial despois da cita electoral de xullo. Unha marca propia permitirá que o cinema poida entrar noutros circuítos de promoción da provincia, amais do cultural, como é o turístico xa que, como dixo Carmela Silva, “elo entronca directamente co modelo de turismo cultural e sostible cara a Axenda 2030 que defendemos na institución”.