Os concellos do Miño reclaman a apertura urxente de máis pasos fronteirizos

O director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho reunirase hoxe co delegado do goberno en Galicia para reclamarlle a apertura inminente dos pasos transfronteirizos con Portugal, dándolle continuidade ao documento asinado polos alcaldes de ambos lados da fronteira o pasado 28 de abril. 

Esta reunión, na que tamén participará o presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira en calidade de vicepresidente da AECT, prodúcese despois de que o pasado sábado se elevara unha solicitude tanto ao goberno como á Xunta para tratar os múltiples problemas e consecuencias económicas que produce o peche nunha das fronteiras máis dinámicas de Europa. 

Cabe recordar que na actualidade só se está a permitir o paso entre Tui e Valença por causas xustificadas, polo que as persoas que traballan ao outro lado da fronteira están tendo que facer rodeos de ata 100 km para incorporarse aos seus postos de traballo. 

Dende a asociación consideran que dende o punto de vista sanitario o restablecemento da fronteira non tería efectos relevantes sobre a saúde no territorio, posto que os municipios de ambos países pertencentes ao Río Miño Transfronteirizo teñen un impacto do COVID-19 máis reducido que noutros territorios próximos.

Por iso xa manifestaron no documento presentado a finais do mes pasado e reiterarán ante o delegado do goberno a súa petición de abrir de xeito inmediato novos pasos fronteirizos, cando menos para o tránsito das persoas traballadoras transfronteirizas, de xeito que non se penalice en tempo e diñeiro a súa mobilidade á hora de acudir ao seu posto de traballo.

Contactos na Unión Europea

Paralelamente, a problemática do peche da fronteira no Miño tamén chegará ata a presidenta da comisión europea Ursula Von der Leyen. O secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo Ramírez, compremeteuse a dar a coñecer de maneira inmediata e directa á responsable da CE o grande impacto económico que está a sufrir o territorio transfronteirizo do Miño polo mantemento dun único paso na fronteira para as traballadoras e traballadores da zona. Martín Guillermo sinalou que é preciso abrir máis pasos de maneira urxente, ademais de adoptar medidas e políticas de apoio para paliar os danos nos sectores produtivos.