Os concellos do Miño elevan a presión para abrir máis pasos na fronteira

O AECT Río Minho e as Eurocidades do Minho acaban de decidir adoptar medidas contundentes de protesta para que se abran máis pasos transfronteirizos, xa que consideran que a situación se está volvendo "insostible" para un territorio "afogado" pola existencia dun único paso na fronteira en Tui-Valença debido ás restricións de mobilidade impostas pola COVID-19, o que imposibilita o mantemento das intensas relacións socioeconómicas entre ambas marxes do río.

A idea é pasar á acción e formular medidas de protesta contundentes e visibles que chamen a atención sobre a situación -ademais de seguir traballando na vía administrativa para conseguir abrir un maior número de pasos e permeabilizar a fronteira-. Neste sentido, estanse a estudiar fórmulas que, cumprindo os actos autorizados dentro da fase actual da desescalada, poñan de manifesto de xeito simbólico e chamativo o malestar tanto das e dos dirixentes como da cidadanía afectada. De feito, nos vindeiros días convocarase ao resto das cidades da ‘raia' para consensuar as medidas de presión de maneira conxunta co fin de que teñan un maior respaldo.

O endurecemento das medidas de presión foi acordado nunha reunión telemática na que participaron o director do AECT, Uxío Benítez; o vicedirector, Fernando Brito Nogueira, alcaldes e alcaldesas dos concellos de Tui (Enrique Cabaleiro), Tomiño (Sandra González) e Salvaterra de Miño (Marta Valcárcel), así como o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira (Fernando Nogueira) e os vice-presidentes de Valença (Jose Temporão Monte), e Monçao (João Oliveira). 

Todas e todos os dixirixentes amosaron o seu fondo malestar pola restrición e a existencia dun único paso na fronteira, o que obriga a moitas traballadoras e traballadores transfronteirizos a dar rodeos de ata 200 quilómetros para acudir aos seus postos, coas perdas económicas e de tempo conseguintes. 
Consideran que non é de recibo que a situación siga igual a día de hoxe que desde o inicio do estado de alarma, cando era preciso un confinamento estrito e unha restrición clara da mobilidade. Agora, destacan, a situación tense modificado en xeral para alixeirar a mobilidade en ambos estados e tense demostrado a necesidade de máis pasos entre ambos países polo seu dinamismo económico conxunto.

Como argumento desa actividade, na reunión presentáronse os datos do último Observatorio Transfronteirizo España-Portugal (OTEP) publicado polos gobernos español e luso a finais de 2019 sobre a mobilidade na fronteira, que revelan que dos 60 pasos existentes entre España e Portugal, os de Tui-Valença, Tomiño-Vila Nova, e Salvaterra de Miño-Monçao están entre os seis máis poboados e suman, entre os tres, máis do 50 % do tránsito de vehículos total.