Hoxe chegou o turno do sector privado no foro de Turismo Covid 19 que vén celebrando a Deputación da Coruña, nesta ocasión para abordar o como e o que para o día despois, os retos aos que deberá enfrontarse un sector que reclama liñas de financiamento para as pemes, suavizar a presión fiscal e a promoción a curto prazo para dar visibilidade ao destino, sempre dende a unidade de acción, o diálogo e a necesaria colaboración público-privada.
O vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, aproveitou a ocasión para reinvindicar a importancia da sintonía entre o público e o privado, apoiando ao sector dende as institucións neste momento de crise. Pero tamén lanzou a advertencia de que o diñeiro público pode ser un parche, pero as empresas deberán ser competitivas, innovar e adaptarse ao novo mercado se queren sobrevivir. Ademais, tamén advertiu contra o erro que sería crear marcas de confianza sen ter claras as pautas a seguir.
Representando á asociación de profesionais do sector turístico de Galicia (Proturga), a súa presidenta Fátima Cachafeiro puxo en valor o informe elaborado pola súa asociación para coñecer as perpectivas e necesidades do sector, chamando á cooperación e a apostar polo coñecemento, reaccionando ás restriccións no número de visitantes e aforos coñecendo ao detalle os segmentos aos que nos diriximos e esforzándonos para transmitir seguridade.
Ana Trevisani, presidenta de OPC Galicia, recoñeceu a grave situación do sector MICE, o primeiro en deixar a actividade e previsiblemente o último en retomala. Pero animou a non renderse, tratar de favorecer o aprazamento dos eventos en lugar das cancelacións e recordar que as novas tecnoloxías e os eventos online están axudando neste momento, pero nunca poderán sustituir ao contacto humano. Paralelamente, demandou a ampliación dos ERTE ata que a actividade do sector volva a ser real e o apoio das administracións para promocionar o destino.
Por parte de asociación de vivendas de uso turístico de Galicia (Aviturga), o seu vicepresidente Rafael Serrano introduciu un chisco de optimismo, considerando que somos un destino que gaña frente a outros e asegurando que as cancelacións que están rexistrando se limitan maioritariamente á tempada de alerta. Denunciou iso si a dependencia dos grandes operadores internacionais, apostando por ferramentas dixitais de comercialización propias como a que xa ten lanzado dende a súa asociación para non quedar nas mans das grandes corporacións que tenden a homoxeneizar a oferta.
Por último Pablo Canosa, da asociación de empresarios da Costa da Morte (APTCM), puxo o acento sobre a necesidade de unir esforzos ante un mercado global máis competitivo que nunca, no que o sector deberá manterse na vangarda.