O plan de teleformación do CSHG xa chegou a 3.000 profesionais turísticos

O plan de teleformación para o sector turístico posto en marcha pola Xunta de Galicia a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) co obxectivo de contribuír á mellora das competencias dos traballadores suma xa preto de 3.000 participantes. 

O plan botou a andar durante o pasado mes de marzo e conta coa participación de especialistas que combinan faladoiros en directo con material e actividades de avaliación. Os cursos están dirixidos a profesionais das distintas actividades do sector turístico, como empregados na área da hostalaría e a restauración, axencias de viaxes ou guías turísticos, e teñen como obxectivo mellorar as súas competencias en áreas como os idiomas, o márketing ou a xestión dixital.

Para as próximas semanas están previstas sete novas sesións gratuítas que inclúen unha mesa de debate e seis webinars. Todos os interesados poderán inscribirse e obter información sobre os mesmos a través da web de Turismo de Galicia. A primeira cita, na que aínda é posible inscribirse, terá lugar o xoves 7 de maio e consistirá nunha mesa de debate centrada na introdución a Axenda de 2030, así como a súa implementación nas empresas turísticas.

O martes 12 de maio será a quenda de Beatriz Estévez, profesora de Lexislación no CSHG e compliance officer –unha figura cada vez máis presente nas empresas e que se encarga da vixiar o cumprimento da normativa vixente– que conta con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da docencia e que afondará nas claves desta profesión e en como se pode implementar nas empresas turísticas. 

O 14 de maio terá lugar webinar centrado no funcionamento, viabilidade e comercialización de produtos turísticos en distintas plataformas e o día 19 os profesionais poderán participar noutra sesión sobre estratexias de preparación hoteleira e hostalaría para a reapertura, impartido por Jesús Rodríguez Maseda, director de Xestión de Activos Hostaleiros en Horwath HTL. Trátase dunha actividade que ten como obxectivo dar as ferramentas necesarias para realizar unha eficiente configuración da apertura despois da crise sanitaria e na que poderán participar un máximo de 200 persoas. 

A oferta formativa complétase con outras tres sesións. Dúas delas centradas no deseño da estratexia de posicionamento orgánico en buscadores que se celebrarán o 26 e o 28 de maio e outra sobre estratexias de negocio en redes sociais, o próximo 9 de xuño.

Cómpre destacar que o plan de teleformación para o sector turístico enmárcase nas medidas postas en marcha polo Goberno autonómico dentro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19 que se aprobou na última sesión do Consello da Xunta. Trátase dunha folla de ruta dotada con 27 millóns de euros que contempla 47 medidas centradas no emprego, a liquidez e o consumo nestes dous sectores claves para Galicia.