O patrimonio da Deputación da Coruña abrirase ao público este venres

A partir deste venres 29 de maio poderemos visitar de no recursos patrimoniais como o mosteiro de Caavaeiro, o Pazo de Mariñán, o dolmen de Dombate... Xa que a Deputación decidiu reabrilos ao público cun terzo do seu aforo habitual e sempre respetando estritamente as medidas de seguridade sanitaria. 

"Garantir a seguridade de quen visite os bens patrimoniais da Deputación da Coruña é unha prioridade á hora de abrir de novo as portas das instalacións. Por iso, neste tempo estivemos en contacto directo cos gobernos municipais que xestionan parte do patrimonio e tamén cos servizos da institución para que a apertura se faga con total seguridade por parte de quen visite o noso patrimonio", sinala o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Lois Penas.

En todos os bens da Deputación aplicaranse as medidas esixidas polas autoridades sanitarias entre as que se inclúe a instalación de carteis con normas e recomendacións específicas para o público, sinalización con indicacións sobre distancia de seguridade e a obriga de que as persoas non superen o terzo do aforo autorizado nin se desenvolvan actividades culturais distintas ás propias visitas. Tamén se realizará a sinalización e balizamento dos lugares que poidan ser máis complexos polo tránsito de visitantes.

Da mesma maneira, a área de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña púxose en contacto cos concellos que xestionan os seus bens patrimoniais como son o castelo de Vimianzo, as Torres do Allo de Zas, o Centro de Interpretación da Natureza de Coirós o Forno do Forte de Buño ou o dolmen de Dombate para coordinar as medidas de seguridade de cara a apertura deste venres.

Neste sentido, o próximo mércores 27 de maio ás 11:00 terá lugar unha xuntanza no Centro de Interpretación das Fragas do Eume co fin de coordinar as actuacións e protocolos de prevención e seguridade para a reapertura do mosteiro de Caaveiro, prevista para o venres 29 de maio. Entre outros temas estudaranse as condicións e protocolos para o transporte en autobús ao Mosteiro durante o verán. Entra tamén en funcionamento o servizo de cafetería das instalacións.