O Foro Covid-19 remarca a importancia de ser cribles á hora de comunicar seguridade

Este luns retomouse o Foro Covid-19, organizado pola Deputación da Coruña, cunha sesión sobre a comunicación e a promoción dos recursos turísticos despois da pandemia que puxo o foco sobre a importancia de ser cribles, non dar falsas esperanzas e escoller os medios axeitados á hora de transmitir seguridade. 

Coma sempre, o foro foi introducido polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que insistiu na idea de aproveitar as oportunidades, saír reforzados e ser competitivos ao longo de todo o ano, ademais de aproveitar para anunciar a ampliación do foro durante as vindeiras semanas grazas á boa acollida por parte do sector. 

Entrando en materia, Pancho Candela, economista e exconcelleiro de Turismo de Santiago, basou parte da súa intervención na importancia de ser coidadosos á hora de comunicar seguridade sanitaria, procurando que sempre esteamos en condición de satisfacer as expectativas do viaxeiro, porque en caso contrario estaríamos atentando contra a imaxe do destino que pretendemos recuperar. 

Neste senso tamén se pronunciou Cristina Collazo, da axencia de marketing turístico Culsturskopio, que apostou por transmitir seguridade veraz, comunicando as medidas que toman as empresas e  lanzando ideas concretas como utilizar fotografías ou webcams en tempo real nas que se aprecie a baixa masificación dos destinos, ao tempo que pediu que as administración non se esquezan de contar co tecido empresarial á hora de escoller a estratexia para promocionar un destino. 

Para Cristóbal Ramírez, profesor e profesional da prensa escrita, un aspecto fundamental para acertar na transmisión de seguridade é escoller os medios axeitados. Aceptou como estratexias complementarias a aposta polas redes ou por soportes como as webcams, pero tamén recordou a credibilidade  moitísimo superior da prensa escrita á hora de comunicar, chamando a escapar do que xa se coñece e facer un esforzo por imprimir materiais amosando lugares con encanto, solitarios… 

Pola súa banda a fundadora da plataforma e selo de calidade Observer de turismo científico, Maite Vence, considera que esta crise está acelerando a necesidade dun cambio de modelo que se alonxe do turismo de masas, un cambio no que un turismo de calidade como o científico pode axudar a cambiar estereotipos da imaxe de marca, poñendo en valor recursos naturais e engadindo unha mirada máis explicativa á paisaxe. 

Rubén Araúxo, vicepresidente da asociación profesional de guías turísticos de Galicia (APIT), fixo un chamamento á profesionalidade, á coordinación e ao traballo en equipo, recordando a importancia de manter unha boa estratexia de comunicación non só no orixe dos visitantes, senón tamén no propio destino, poñendo en valor o papel dos guías como receptores dos visitantes e a súa importancia como embaixadores do destino no novo escenario. 

Finalmente, o profesor e investigador principal do grupo de investigación Turismo, Economía e Sostibilidade, Jackson Renner, resumiu as conclusión do estudo internacional no que participou, que conclúe entre outras cousas que a xente se seguirá máis segura viaxando a destinos próximos e que Galicia estará entre os destinos máis demandados; e paralelamente tamén apostou por promocionar nichos de turismo descoñecidos para o turismo interno, lanzando ideas como establecer rutas dun só sentido nos espazos naturais.