O Foro Covid 19 conclúe cun alegato pola profesionalización do sector

Esta mañá celebrouse a derradeira sesión do Foro Covid 19 da Deputación da Coruña, un debate que puxo o punto e final ao completo programa e que tratou de tirar algunhas conclusión xerais, entre as que destacaron a necesaria aposta pola profesionalidade no sector turístico, traballar de forma coordinada cara un modelo turístico sustentable e apoiar dende a administración a un sector privado que debe tomar a iniciativa. 

Nese sentido pronunciouse Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e organizador do foro, que despois de reivindicar a imprescindible aposta pola profesionalización fixo un chamamento a madurar como sector turístico. Asegura que a administración debe regular e apoiar pero coidándose de non enquistarse nun excesivo paternalismo, xa que é o sector privado o que debe asumir o seu protagonismo e tomar a iniciativa. 

Coincidiu nestas ideas Lanzada Cayatalud, xerente do consorcio de Turismo da Coruña, que chamou a poñer en valor o talento interno e recordou que as administración están para apoiar pero que a iniciativa debe partir do sector privado. Ademais, asegurou que a crise sanitaria fora un acelerador de tendencias que estaban aí, que nos forza cara unha transformación dixital brutal e que nos brinda unha oportunidade para decidir “qué queremos ser de maiores” no sector turístico, nun futuro que pasará por un maior coñecemento da demanda a través das novas tecnoloxías. 

Carlos Rodríguez, Profesor de turismo da Universidade da Coruña ve clara a necesidade de consolidar o tecido empresarial no sector turístico, contando cos nosos profesionais e abandonando a obsesión cuantitativa para traballar pola realidade cualitativa, convencendo ao sector do beneficio económico que pode representar a aposta por un turista de calidade e alto nivel adquisitivo. Paralelamente, aboga por xuntarse e colaborar para definir unha senda que nos leve cara un proxecto turístico galego propio, promocionando que somos un destino seguro e tamén diferente, que cumpre cos requisitos sanitarios. 

Dende a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), o seu presidente Juan A. Rivadulla tamén aposta por buscar a excelencia turística a través da profesionalidade, recuperando a confianza dos turistas implementando canto antes as medidas de seguridade sanitaria para non vender nada que non sexa real. Tamén concorda nos beneficios que traería un turismo de calidade, pero recorda que é complicado concretalo e deberemos afinar para chegar os mercados que mais nos interesan neste senso. 

Fátima Cachafeiro, presidenta da Asociación de Profesionais de Turismo de Galicia (PROTURGA) considera fundamental a sustentabilidade medioambiental, económica e social no sector turístico. E lanza unha reflexión fundamental de cara á necesaria profesionalización: por qué cando pensamos na planificación urbana pensamos nun arquitecto e a miúdo seguimos pensando que a planificación turística se pode facer dende calquer departamento. 

Para Ada González, técnica de turismo do concello de Dumbría este é o momento de demostrar que Galicia pode ser sinónimo de calidade e profesionalidade, apelando á responsabilidade e á planificación. E para Cristina Collazo, Responsable de “Culturoskopio” axencia de márketing turístico e “Volta Montana”, turismo activo, debemos valorizar aqueles recursos turísticos e novos destinos menos coñecidos, redistribuindo os fluxos e dando unha nova oportunidade a destinos menos desenvueltos turísticamente. 

Xa para rematar o moderador do foro Pepe Formoso, profesional da comunicación e empresario de hostaleria fixo un alegato pola profesionalización do sector, ampliando a contratación dos técnicos de turismo, coordinando ao sector e retendo as grandes profesionais que formamos e moitas veces deben marchar para poder traballar.