O Festival Elas Son Artistas tentará reubicar todos os eventos


O equipo do Festival Elas Son Artistas continúa en conversas con todas as partes implicadas na terceira edición do Festival: concellos, entidades colaboradoras e patrocinadoras, artistas, equipos técnico e de produción. O noso obxectivo é reubicar todos os eventos que tiñamos previstos durante o festival na loxica medida que fose posible ao longo dos vindeiros meses, transformándoo nun ciclo no que a muller creadora continúe sendo a protagonista.

Elas Son Artistas é un evento feito dende o cariño, pero somos conscientes que a maioría dos nosos espectáculos non van dirixidos a un público masivo, polo que consideramos viable levalos a cabo e resta dicir que sempre cumprindo as medidas de seguridade, separación social e hixiene vixentes no momento de celebración de cada evento. O compromiso de non cancelación na medida do posible está no sentir de todas as persoas involucradas neste proxecto, sendo conscientes da importancia de manter as actuacións e os cachés comprometidos coas artistas na situación tan especial e inédita que estamos a vivir.

Así que no momento oportuno, e sempre vixiantes da evolución das fases e rigorosos coas normas que se vaian aprobando por parte do Goberno central e Autonómico, faremos públicas as novas datas dos espectáculos. Pode ser todas ao mesmo tempo ou, se o consideramos máis oportuno, de forma dosificada.

O importe dos abonos vendidos e das entradas adquiridas para espectáculos soltos xa foron retornados na súa totalidade ás persoas que os adquiriran previamente ao aprazamento.