O CSHG ofrece xornadas de portas abertas virtuais

Nesta época no Centro Superior de Hostalería de Galicia tocaría intensificar as xornadas de portas abertas, para que os interesados en formarse en dirección hoteleira ou xestión en cociña puideran coñecer de primeira man as instalacións e facerse unha idea do que poden agardar visitando a profesores e alumnos nalgunhas das súas clases. 

Obviamente, a suspensión do curso presencial tamén forzou a cancelación das xornadas previstas para estes meses, pero dende o CSHG non quixeron privar aos seus alumnos potenciais da posibilidade de coñecer máis de preto o centro, polo que ten organizado unhas innovadoras xornadas de portas abertas virtuais. 

Así, animan a todos os interesados en acceder a algunha das titulacións do centro a pedir unha cita en info@cshg.es, para disfrutar dunha xornada virtual para a que só será necesario un ordenador e unha conexión a internet. Segundo recordan dende o centro "dá igual que esteas en Australia, Buenos Aires, ou xusto á beira, nunca antes foi tan fácil coñecernos".

Ademais, dende o CSHG tamén confirman que se poderán realizar de forma completamente telemática as probas para acceder ás súas titulacións.