Nova xuntanza de coordinación e asesoramento cos de Pontevedra


Na liña de colaboración e máximo apoio antes as novas necesidades derivadas da crise sanitaria, a Deputación de Pontevedra volveu celebrar unha nova xuntanza de coordinación e asesoramento cos concellos da provincia, esta vez destinada a esclarecer dúbidas e dar seguridade xurídica respecto a política tributaria. Un total de 31 alcaldes e alcaldesas participaron na reunión telemática coordinada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, e a directora do Organismo de Recadación Local (ORAL), Inmaculada Viñas, para despexar tódalas incógnitas respecto ao cobro de taxas e impostos nunha complicada anualidade fiscal, marcada polos efectos da pandemia e a suspensión de prazos derivada do estado de alarma. O resto de concellos participantes, ata un total de 42, estiveron representados por concelleiros/as ou técnicos/as municipais. 

Carlos Font destacou que a Deputación ten moi claro que o seu papel consiste en estar ao lado dos concellos, respectando sempre a autonomía local pero axudándoos en tódolos ámbitos “porque sabemos moi ben que son os concellos os que están en primeira liña atendendo á cidadanía”. O deputado subliñou que a Deputación esforzouse dende o primeiro momento en reaccionar rápido, con medidas orientadas á colaboración institucional para axudar á adaptación do municipalismo á “nova realidade”. Esta xuntanza, que se prolongou durante hora e media, era “moi necesaria” e resultou clarificadora, dixo Font, “pois a xestión tributaria nun ano tan extraordinario como este suscita moitas dúbidas que a Deputación quere axudar a despexar para que os concellos dispoñan da información necesaria para tomar as mellores decisións”. 

Inmaculada Viñas detallou todas as medidas tomadas ata agora e subliñou que o ORAL foi quen de despregar, en modalidade online, ata un 90% da súa actividade ordinaria, e afrontou estes dous meses a flexibilización ao máximo dos pagos e a paralización, durante o estado de alarma, tanto dos padróns que xa estaban ao cobro como a recadación executiva. Fixo tamén un esforzo por manter aos concellos informados a través da súa plataforma electrónica e por asesoralos individualmente. Finalmente, reforzou a súa atención telefónica ao público e tamén a interacción electrónica coa habilitación dunha clave provisoria para os contribuíntes sen certificado, clave ou sinatura dixital. Tamén proporcionou unha liña de liquidez inmediata, de 21 millóns de euros, cos anticipos extraordinarios de ata o 100% da recadación do ano anterior para cada concello. 

Durante a sesión estudáronse as opcións de modificar ordenanzas fiscais e tamén a de interpretalas no sentido de posibilitar bonificacións fiscais en determinadas taxas e impostos. O ORAL, respectando sempre a autonomía dos concellos, puxo sobre a mesa a xurisprudencia do Tribunal Supremo e o encaixe legal deste tipo de medidas, que deben ampararse correctamente no marco legal para que a súa seguridade xurídica non quede comprometida. Ao tempo falouse amplamente da posibilidade de facer exencións de cobro en servizos municipais que non se prestaron durante o estado de alarma, entre as que destaca, pola súa maior viabilidade xurídica, a ocupación de espazo público polas terrazas de establecementos hostaleiros. 

As preguntas que formularon os alcaldes e alcaldesas gardaron tamén relación coa posibilidade de aprazar e/ou suspender taxas de recollida de lixo, e coa conveniencia de adiar os prazos de cobro voluntario dos impostos e mesmo estendelos ata o 30 de decembro. 

Novo calendario fiscal á carta 

Durante a reunión, a directora do ORAL presentou o novo calendario fiscal 2020, que substitúe ao aprobado a principios de ano e introduce, entre outras novidades, a posibilidade dun fraccionamento de impostos que nalgúns casos chega ata seis mensualidades. A modificación é produto do cambio na Ordenanza Fiscal do ORAL aprobada, por unanimidade, no Pleno da Deputación do pasado 24 de marzo. A Deputación introduce así un novo calendario á carta que facilita ao máximo o pagamento das obrigas da veciñanza coas arcas municipais. 

O novo período voluntario de pago inclúe a opción de pago fraccionado do IBI e IVTM os días 5 de cada mes a partir de xuño e ata decembro. Finalmente, o período voluntario do Imposto de Actividades Económicas (IAE) dende setembro a decembro .Os pagamentos fraccionados serán posibles por mensualidades e cargados cada día 5 entre os meses de setembro e decembro. No que se refire ás taxas municipais, que se liquidan en catro trimestres, a Deputación xa suspendeu o período de pago voluntario do primeiro trimestre, que tiña comezado o 6 de febreiro. Permanecerá suspendido mentres estea en vigor o estado de alarma, pero estímase que o período rematará ao longo do mes de xuño. O novo calendario será publicado antes de finais de maio xa que esta en estudio a posibilidade técnica de incluír no texto demandas plantexadas no seo da xuntanza de hoxe. 

Na xuntanza participaron representantes, na meirande parte alcaldes e alcaldesas, dos concellos con recadación delegada no ORAL, é dicir, os de A Cañiza, A Estrada, Agolada, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Gondomar, O Grove, Lalín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Oia, O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.