Melide endózanos virtualmente esta fin de semana coa Festa do Melindre

Coincidindo coa segunda fin de semana de maio, Melide celebrará de xeito virtual a vixésimo novena edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, ao non poder celebrarse este ano de forma presencial pola situación de emerxencia sanitaria que estamos a atravesar. Deste xeito, a fin de semana máis doce da vila terá unha celebración diferente, pero celebración ao fin e o cabo.

Así, co domingo 10 de maio como día central da celebración, e a través da páxina de facebook da Festa do Melindre, ás 12h da mañá os seguidores e seguidoras poderán ver o pregón de Cristina Pampín, xornalista e presentadora de Televisión Española con raíces melidenses. 

A programación continuará cun showcooking de Bea Sotelo, cociñeira e membro do Grupo Nove. Xa pola tarde ás 16:00h. terá lugar un café con melindre da man de Gonzalo Rodríguez Acuña, do Club Café de Pontevedra. As 18:00h o protagonista será o mago local Dani Polo, que realizará un espectáculo de máxima co que quedaremos abraiados.

O fin de festa, as 20:00 correrá a cargo do grupo de música local Cuarta Xusta. Durante a xornada dominical todas as casas melindreiras da vila terán abertas as súas portas para poder mercar melindres, ricos e amendoados para que a segunda fin de semana de maio manteña o seu carácter doce como é habitual dende fai 30 anos.