Medio Rural vai poñer en marcha a campaña #VoudeSúperFeirón


A Xunta e a distribución alimentaria van reforzar e implementar a campaña de comunicación #VoudeSúperFeirón nas redes sociais cunha orientación orixinal e participativa para fomentar o consumo de produtos do agro galego no fogar a través de receitas gastronómicas. 

Esta campaña, que se porá en marcha nas vindeiras semanas, pretende animar ao consumidor para que, desde a súa casa, elabore receitas con produtos agroalimentario galegos e que as presente a través das súas redes sociais co cancelo #FeirónNaCasa. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, tras reunírense por videoconferencia con representantes das dez cadeas de distribución que colaboran con Mercaproximidade, celebrou a boa marcha desta canle e lembrou que en total máis de 450 gandeiros, agricultores e industrias se sumaron a esta rede, así como a práctica totalidade das cadeas de distribución que operan en Galicia. 

González recordou que esta canle “naceu co obxectivo de apoiar o inxente labor que, día a día, sen descanso, os nosos produtores do rural levan a cabo para que na mesa non nos falte de nada” e puxo en valor que “eses agricultores e gandeiros, como verdadeiros heroes, foron quen de seguir traballando arreo desde as nosas aldeas durante a emerxencia sanitaria para garantir a prioritaria subministración de alimentos”. 

Por último, o conselleiro quixo salientar tamén a vertente solidaria de Mercaproximidade, xa que a partir desta canle a Xunta está a mercar numerosos produtos agroalimentarios para cederlles a hospitais, comedores e outras entidades sociais de toda a comunidade.