Medio Rural quere implicar aos GDR na reactivación do agro

A Consellería de Medio Rural pediu colaboración dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia para concretar medidas a prol da reactivación económica e social do agro, dentro do seu ámbito de actuación, para superar as dificultades provocadas pola emerxencia sanitaria. Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, nunha videoconferencia mantida con representantes destes grupos, na que tamén participou o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois. 

Na reunión falouse da posibilidade de impulsar medidas, a través dos GDR, relacionadas con sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio. Neste sentido, José González puxo en valor o feito de que estes grupos son asociacións “pegadas ao territorio”, que funcionan cunha dinámica de traballo participativa, de abaixo-arriba, implicando a toda a sociedade na toma de decisións e tendo como base os recursos locais, a colaboración e o traballo en rede, buscando a innovación e facilitando procesos de cambio no rural. 

Os 24 GDR de Galicia abarcan a totalidade do territorio rural, sendo entidades dinámicas e multisectoriais onde están representados todos os axentes socioeconómicos de cada zona interesados e preocupados no seu desenvolvemento. José González salientou tamén a ampla experiencia dos GDR na xestión do desenvolvemento rural e, nesta liña, lembrou que dende hai 30 anos veñen amosando a súa capacidade de dinamización dos territorios.