Lugo proxecta un parque para o centro xeográfico de Galicia

A Deputación de Lugo vén de anunciar a creación do parque central de Galicia, un espazo de lecer público que se ubicará no punto determinado polo Instituto Xeográfica Nacional como o centro xeográfico de Galicia: a parroquia de San Fiz de Amarante en Antas de Ulla. 

A iniciativa parte da deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que coñece ben o terreo ao ser natural de Antas de Ulla. Trátase dun proxecto que segundo o presidente provincial, José Tomé Roca, "vai ser importante para a economía da localidade pola súa capacidade de atracción turística, e supón unha clara aposta polo reequilibrio territorial e para fixar poboación no rural, creando actividade económica e postos de traballo". 

Hai varios meses que se encargou a un xestor inmobiliario que realizara as xestións necesarias cos propietarios para comprar os terreos onde se ubica o punto central de Galicia. Neses terreos levantarase un monolito que faga referencia ó centro xeográfico de Galicia, e estará rodeado dun parque público para disfrute dos veciños e veciñas de Antas, e de todos os visitantes.

“O proxecto poñerá en valor a riqueza natural, a flora e as árbores do lugar, integrado na paisaxe actual, e, ao mesmo tempo, promocionará a zona, converténdoa nun lugar de atracción turística o que, sen dúbida, será positivo para a economía de Antas de Ulla”, explicou José Tomé.