Lugo entra na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

A Deputación de Lugo ven de integrarse na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, un ente de ámbito estatal que está coordinado pola Secretaría de Estado de Turismo. A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, amosou a súa satisfacción xa que “será clave para o proceso de reactivación do turismo da nosa provincia e repercutirá positivamente na chegada de visitantes despois da crise do coronavirus Covid-19”.
Entre os aspectos que se valoraron para aceptar a candidatura da Deputación de Lugo, tívose en conta a gobernanza a través do Consello Provincial de Turismo, as iniciativas que se están desenvolvendo como a implantación dun sistema de información turística intelixente, a través de plataformas que estarán dispoñibles en diferentes dispositivos portátiles ou, entre outras, a aposta por aplicacións móbiles como Lugo Cambia 360º e Inventrip.  “Coas accións que estamos levando a cabo evidenciamos que temos un claro interese por apostar polo emprego das novas tecnoloxías como ferramenta de consolidación do turismo no territorio. Son unhas actuacións que queremos que se vexan potenciadas grazas a esta integración dentro da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes”, subliña. 
García Porto subliña que esta adhesión non supón ningún compromiso económico para a institución, pero insiste no valor enriquecedor que leva consigo “traballar en rede con outros destinos que teñen a mesma filosofía ca nós, que apostan polas novas tecnoloxías e que teñen como fin achegarlle ao visitante outra maneira de descubrir os destinos, considero que desta maneira lograremos facer de Lugo un destino moito máis atractivo”. 
Ademais, engade que “no novo panorama que debemos afrontar agora, a plataforma será crucial para compartir información e guías de boas prácticas, impulsar novas ferramentas punteiras no sector e moitas outras accións coordinadas por expertos dependentes do Ministerio de Turismo, que nos axudarán a adiantarnos ás novas demandas dos viaxeiros”. 
García Porto expón que dende a Deputación se reformulou a estratexia turística ante o novo panorama actual, pero sempre apostando por iniciativas que estean á vangarda do sector. “Traballamos para reforzar Lugo como un destino fiable, de calidade e de excelencia, centrado en valores como a seguridade, a tranquilidade ou a sustentabilidade, e potenciando atractivos como a natureza, o rural ou a enogastronomía, é dicir, proxectar Lugo como lugar saudable que é”. 
A Rede de Destinos Turísticos Intelixentes constituíuse o 27 de febreiro de 2019 e ten como obxectivo promover un novo marco de referencia para consolidar a competitividade do modelo turístico español. Hoxe integráronse 16 novos destinos, co que o número de membros da Rede se eleva ata os 121 (88 son destinos, 16 membros institucionais e 16 empresas colaboradoras).  
Ademais da recén integrada Deputación de Lugo, na Rede intégranse outros cinco destinos galegos: os concellos de Ourense, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa e as Deputacións de Pontevedra e de Ourense. 
Por outra banda, A Deputación de Lugo puxo a disposición do sector turístico provincial información relevante para facilitar a desescalada e a adaptación á nova realidade xurdida pola crise sanitaria do Covid-19. A través nun novo espazo na páxina web de Turismo, os profesionais e empresas deste sector poden atopar documentación como o Plan de Transición cara a Nova Normalidade establecido polo Ministerio de Sanidade, os servizos de asesoramento gratuíto que ofrece a propia Deputación a empresas, autónomos e emprendedores ou as axudas dispoñibles para o sector.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explica que “esta iniciativa permitirá que un dos sectores económicos máis importantes da nosa provincia e un dos máis afectados pola crise sanitaria poida atopar toda a información nun solo click e axudar deste xeito que as empresas reabran coa máxima seguridade”.