Lugo aposta pola formación específica dos hostaleiros para conseguir seguridade

O concello de Lugo presentou esta semana a súa estratexia "Lugo Seguro", coa que pretende apoiar ao comercio e á hostalería da cidade, xerando seguridade e confianza para así "recuperar a demanda e reactivar a economía en dous sectores estratéxicos". 

O plan, que presentou a alcaldesa Lara Méndez acompañada do presidente da Apehl, Cheché Real, arrancará a través dun curso online para os traballadores destes sectores, que será impartido por profesionais da medicina, a psicoloxía e a comunicación, co que achegar aos participantes as habilidades e coñecementos precisos para enfrontarse ao novo escenario post COVID-19.

Lara Méndez explicou que “esta formación é única en España, pois conta cun elevado nivel de especialización para dar resposta ás necesidades derivadas da situación actual. Neste senso, non só se cingue á prevención de riscos laborais, senón que tamén aborda a xestión de habilidades emocionais ou comunicativas, entre outros aspectos”.

Entre outros temas, abordará aspectos relacionados coa prevención e a seguridade e saúde do persoal e dos establecementos. Pero tamén ensinará a afrontar desde un punto psicolóxico e emocional a nova situación de regreso ao traballo, así como a comunicación para trasladar aos clientes a máxima confianza en que poden acudir aos seus establecementos habituais pois o persoal está preparado para atendelos e porase a obrigada prevención en todas as tarefas.

A participación neste curso, dunha duración de 20 horas, está aberta a propietarios, autónomos, persoal en xeral de vendas en comercio, de barra, comedor, cociña, recepción, camareiros, maîtres en hostalaría e hoteis, entre outros traballadores do sector, e estará dirixida en especial aos empregados que están ou pasaron un ERTE e deben retomar a súa actividade.

Trátase dun curso interactivo, con recursos audiovisuais e exercicios prácticos. Impartirase en liña, mediante unha plataforma de elearning, accesible desde dispositivos móbiles e que permite unha comunicación instantánea alumno-titor.

Con este curso obterase o diploma de Establecemento de Confianza, sempre que polo menos unha persoa da empresa participe na formación, impartida por unha médico epidemióloga experta en sanidade pública, unha psicóloga e unha doutora en comunicación.

As inscricións abriranse este venres e o curso comezará na semana do 21 deste mes.