Lanzan a campaña "EN LUGO, SI" para reactivar o turismo e a hostalería na provincia

A Deputación de Lugo presentou este xoves a campaña "EN LUGO, SI", coa que se pretende “reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus”.

En palabras do presidente da institución provincial, José Tomé, trátase dunha campaña que “simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender”.

A campaña EN LUGO, SI busca revitalizar o tecido económico da provincia e, con iso, o emprego, sobre todo nas pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos. “Por unha banda inclúe accións dirixidas aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á denominada nova realidade e, pola outra, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da nosa provincia e do seu tecido produtivo”, explicou o Presidente.

A primeira das accións será un programa formativo en liña a través de Internet, pensado para “apoiar aos negocios e profesionais do comercio, da hostalería e do turismo na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, e para que o fagan ademais, garantindo a comodidade e o benestar do cliente, é dicir, mostraráselles como orientar esas pautas para que non resulten incómodas para os clientes”, afirmou José Tomé.

Este programa formativo, moi especializado, terá 300 prazas e será para os negocios dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en tanto que o Concello de Lugo xa ten o seu propio programa. A Deputación entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, establecementos seguros. As inscricións abriranse o vindeiro luns, día 1 xuño, e o curso comezará o día 15 do mesmo mes.

Así mesmo, o Presidente adiantou que no marco desta mesma campaña de promoción se van organizar uns encontros on line de debate e análise sobre a situación e o futuro do comercio, a hostalería e o turismo.

EN LUGO, SI nace coa vontade de xerar confianza na cidadanía para que consuma produtos e servizos de proximidade. “É moi importante que se actúe ben dende un principio para que a sociedade gañe confianza e saia á rúa mercar, consumir e pasar o seu tempo de lecer e vacacións nos negocios de sempre, sabendo que están nas mellores mans”, recalcou o Presidente. 

Na presentación da campaña participaron a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, as dúas áreas provinciais con maior peso na campaña, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e os presidentes da Federación de Comercio, José María Seijas, e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), Cheché Real.