Galicia recupera os mercadillos locais agroalimentarios

A Xunta decidiu permitir desde hoxe a reapertura dos mercados de proximidade, dado o avance temporal do estado de alarma, a constatación de datos de evolución positiva na loita contra a pandemia e que en outras comunidades autónomas si se permite a celebración destes mercados. En calquera caso, a última decisión corresponderalleaos concellos, posto que a celebración destas feiras é competencia municipal. 

Así o recolle hoxe unha resolución publicada na páxina web da Consellería do Medio Rural pola que se modifica a Orde do 24 de marzo, posibilitando deste xeito aapertura destas feiras, co fin de recuperar unha actividade moi importante no rural galego. 

Ademais, cómpre ter en conta a tradicional dispersión xeográfica galega, con asentamentos en pequenos núcleos de poboación, e cunha alta porcentaxe de persoas maiores, polo que estes mercados son en moitos casos a principal vía de abastecemento alimentario no agro galego.Unhas demandas apoiadas en criterios económicos e na defensa da supervivencia de determinadas ramas de actividade do sector agropecuario e que,ao permanecer pechadas as canles da hostalaría e da restauración dende o comezo do estado de alarma, moitos produtores teñen nos mercados locais unha saída para os seus produtos. 

Así, os mercados locais só poderán vender produtos agroalimentarios e os postos deberán cumprir unha serie de normas específicas para que o desenvolvemento desta actividade non supoña ningún risco para a saúde. Ademais, cómpre sinalar que tanto o aforo como o número de postos deberanse reducir paraevitar riscos para a saúde pública. Neste senso, deberase garantir unha limitación ao 25% dos postos habituais ou autorizados e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual. Porén, poderase aumentar a superficie habilitada para o exercicio desta actividade de xeito que se produza un efecto equivalente á dita limitación.