O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado do seu
equipo e membros do Igape, presentou onte a través dun webinar no que
se inscribiron máis de 600 profesionais e axentes do sector cultural o Plan
de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos
derivados da COVID-19. Un proxecto pioneiro no ámbito autonómico que foi aprobado
no Consello da Xunta que se porá en marcha este mesmo
mes de maio.
No encontro achegouse
información sobre as principais medidas adoptadas para a
reactivación do sector
cultural, que inclúen un bloque específico dotado con 10,2M€ e a meirande parte das medidas transversais do Xacobeo, que conta con
outros 5,6M€. Establecidas en ambos os casos, para acompañar e apoiar ao tecido
empresarial e ao conxunto do sector cultural durante a transición cara á nova
normalidade. O encontro
permitiu, así mesmo, resolver as dúbidas e consultas arredor da
iniciativa dos profesionais que tomaron parte dun sector que
supón case o 2,5% do PIB e dá traballo a case 34.000 persoas na nosa Comunidade.
Ademais, a aprobación deste plan aliñase coas
medidas transversais impulsadas polo Goberno galego para a reactivación da
actividade económica tras a crise sanitaria, que inclúen accións como a
inxección de liquidez a autónomos e pemes a través dun investimento de 30
millóns de euros, axudas para o aprazamento do pago de préstamos ou os
anticipos a familias afectadas polos ERTEs xa autorizados pola Xunta pero ás
que o Goberno non aboou aínda as súas prestacións.
Liquidez,
emprego e consumo cultural
“A recuperación da cultura é un reto
compartido entre todos no que Galicia estará á altura”, explicou o conselleiro,
chamando á colaboración e o traballo conxunto, “especialmente a concellos e
deputacións”. Fíxoo antes de enunciar as principais propostas do Plan de
reactivación cultural referíndose aos investimento dirixidos a cada un dos sectores
das industrias culturais e de agradecer a todos os profesionais e creadores “o
esforzo e sacrificio durante o período de confinamento”.
Para lograr a reactivación, o plan recolle un
total de 22 medidas e 49 accións centradas na cultura. Destas 17 son de nova
creación e foron concibidas especificamente no marco deste proxecto e no
contexto de recuperación da crise do coronavirus, e outras cinco son programas
adaptados ao novo escenario. Román Rodríguez expuxo que todas elas parten do constante diálogo da
Xunta cos distintos axentes da nosa Comunidade, así como da análise dos estudos
e proxeccións macroeconómicas, que marcan a folla de ruta para minimizar o
impacto económico e laboral da crise no sector.
O investimento desagregado
As medidas e
accións específicas concíbense para favorecer o consumo de produtos culturais,
mediante o mantemento e impulso da actividade; incentivan a industria galega
nun contexto de restricións, fomentando a produción e reforzando as estruturas
de programación e distribución. En concreto, cóntase cun amplo catálogo de
investimentos dirixidos a cada unha das industrias culturais.
Para empezar prevese medidas para
o sector do libro, co apoio ás empresas editoras ou as librarías, o fomento da
lectura e o apoio as bibliotecas públicas cun investimento conxunto de 2,3M€. Na
mesma liña, o sector audiovisual ten tamén unha presencia destacada, coa
modificación e flexibilización de distintas convocatorias que propicien a
consecución de anticipos, o incremento do número de proxectos beneficiados ou o
reembolso de custos. Ademais da creación dun fondo de coprodución internacional
minoritaria. En total, o investimento sitúase neste eido próximo aos 4M€
Pola súa
banda, as artes escénicas disporán de sete accións específicas que facilitarán
a mobilización de recursos, incrementando ademais o peso das compañías galegas na
programación dos festivais. Isto suporá un orzamento conxunto de 2M€. Finalmente, ás artes plásticas e á
música destinaranse respectivamente de preto de 400.000 e 300.000 euros,
respectivamente, orientadas entre outros aspectos ao incentivo da creación moza
e a adaptación, en canoto á produción e distribución de espectáculos, ao actual
contexto.
Sensibilización, fomento e dinamización
Ademais
destas medidas sectoriais, cabe destacar a creación dun fondo de apoio a
proxectos e iniciativas que lle dean prioridade ao mantemento da actividade dos
sectores creativos de Galicia e do emprego cultural. Unha iniciativa que se
desenvolverá en paralelo cunha campaña de sensibilización, fomento e
dinamización cultural que incluirá a reprogramación da rede de dispositivos
culturais da Xunta.
A maiores, habilitarase un
servizo de asesoramento e consultoría en liña para empresas e profesionais
culturais que dará apoio e resolverá dúbidas de carácter laboral vencelladas
coas condicións de acceso ás axudas públicas, normativas da desescalada e
outros aspectos de carácter práctico para o desenvolvemento da actividade.
E por último, un ambicioso de
formación no eido cultural, cun investimento de case 600.000 euros, que
contempla bolsas de formación en materia cultural, un plan de transformación
dixital no ámbito cultural, coa creación dunha plataforma virtual para a
formación en liña a través de Moodle e a posta en marcha de formación para
xestores culturais e para profesionais das institucións da cultura.
Un Xacobeo para a recuperación
O plan prevé que a convocatoria
do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo co
obxectivo de impulsar a industria cultural e turística e os creadores galegos e
mellorar o noso posicionamento. Con tal fin, reconfiguraranse os obxectivos do
próximo Ano Santo para darlle prioridade ás iniciativas de impulso económico e
de activación do consumo e do emprego.
No que respecta ás accións
transversais no marco do Xacobeo 2021 contémplanse nove medidas como liñas de
axudas para todos os sectores e ámbitos culturais, programas de apoio
específico, ciclos musicais en liña. Así pois, unha das principais iniciativas
será un fondo para proxectos culturais dotado con 1,5M€ e na que as empresas e
autónomos poderán recibir ata 4.000 e 10.000 euros, respectivamente.
Impulsarase tamén a adquisición de obras de arte de artistas galegos por
200.000 euros e dous programas de apoio por 1,5M€, centrados no sector escénico
e no sector musical.
Do mesmo xeito, trasladaranse ao
ámbito online os ciclos musicais celebrados ao abeiro do Xacobeo 2021 e
incorporados á Rede Galega de Música ao Vivo, así como os festivais de música
incorporados á marca Fest Galicia, e potenciarase o programa Cultura no Camiño,
achegando unha programación de artes escénicas e actividades de lecer aos
concellos do rural.
Máis de 170 achegas dos axentes implicados
A estratexia formulada pola Xunta
parte dos estudos publicados sobre o impacto da crise sanitaria no tecido
industrial e cultural galego e que contemplan diferentes escenarios e
estimacións en función dos tempos fixados polo Goberno central para a
desescalada. Malia as incertezas sobre a volta á nova normalidade nestes
sectores, este plan permitirá abordar esta fase na Comunidade de forma
proactiva e con anticipación.
Trátase dunha folla de ruta
froito do diálogo cos sectores implicados durante as últimas semanas e que inclúe
acordos con entidades sectoriais para o impulso conxunto de diferentes
iniciativas. Desde o comezo da crise sanitaria o Goberno galego mantivo máis de
65 xuntanzas e contactos con máis de 230 axentes do sector e recibiu preto de
170 propostas, das que o 71% foron incorporadas á redacción do Plan de
reactivación.
Tras a súa aprobación no
Consello, ao longo desta semana o Plan xa foi presentado aos colectivos
implicados, entre os que se atopan, a Asociación Galega de Empresas Musicais
(Agem), Clubtura, a Asociación de Festivais, Es_música, Músicas ao Vivo, Agatec
en Música, a Asociación Galega de Produtoras Independientes, o Clúster
audiovisual, a Academia Galega do Audiovisual, Proxecta en audiovisual Escena
Galega, a Asociación de actores e actrices de Galicia en escénicas e a Asociación
galega de profesionais de xestión cultural.
Ademais, dentro do sector do
libro estiveron presentes representantes da Asociación Galega de Editores
(AGE), da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación de escritores en
lingua galega, do Centro PÊN Galicia e da Asociación Galega de Profesionais da
Ilustración. Por último, do sector artístico estiveron membros de
Contemporánea. Asociación de Galerías de Arte, da Colectiva e da Asociación de
mulleres artistas.