As cámaras da película Montaña ou Morte producida por Felipe Lage para Zeitun Films e dirixida por o cineasta Pela del Álamo, rexistraron, reiteradamente, a presenza dun oso pardo (Ursus arctos) en diversas localizacións do Parque Natural dos Montes do Invernadeiro (Ourense). As imaxes corresponden ás cámaras de fototrampeo que a produción ten repartidas por varias localizacións da zona desde hai dous anos coa fin de rexistrar fauna salvaxe. Estas imaxes serán parte da devandita película, que agora se atopa en fase de desenvolvemento, e para a que conta co financiamento de AGADIC - Axencia Galega das Industrias Culturais e a colaboración do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia en Ourense.
Para o rexistro destas imaxes, o equipo de Zeitun Films contou co asesoramento dos Axentes Ambientais da Xunta en O Invernadeiro, Ricardo Prieto Rocha e Tomás Pérez Hernández, os dous expertos coñecedores da comarca.
O exemplar, un macho de entre 3 e 5 anos, é o primeiro en ser filmado na zona e probablemente o primeiro que transita esta comarca nos últimos 150 anos. Segundo os axentes ambientais do parque, o animal pasou con toda seguridade o inverno en O Invernadeiro. Este dato sería indicativo de que a zona é apta para que outros exemplares se establezan no futuro. Tras anos de traballo, a conservación do espazo protexido de O Invernadeiro permitiu que o oso pardo atopara un hábitat adecuado. As primeiras hipóteses apuntan a que este individuo procede da zona occidental, probablemente de O Courel. A aparición deste exemplar no sur do macizo central é relevante xa que constataría a boa evolución das poboacións estables da zona de O Courel e as recentemente detectadas na zona de O Barco de Valdeorras.
O oso pardo é unha especie protexida en España desde o ano 1973 e en Galicia mantivo unha presenza histórica, aínda que intermitente, na zona dos Ancares lucenses.