Feijóo chama a reinventar o sector turístico para potenciar Galicia como destino seguro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá acompañado polos conselleiros de economía e turismo o seu Plan de reactivación do turismo, co que pretende contribuir a "reinventar" o sector turístico convertendo a Galicia nun destino seguro dende o punto de vista sanitario, apoiar as necesidades do sector e potenciar o turismo interno. 

A través dun encontro virtual ao que asistiron máis de 1.000 profesionais do sector, Feijóo e o seu equipo deixaron claro que o turismo local e de proximidade será unha prioridade. Ao respecto, destacaron a posta en marcha do programa Queda en Galicia, para animar aos galegos a disfrutar de todos os recunchos que ofrece a Comunidade, sen esquecerse de sinalar a importancia de potenciar mercados emisores fundamentales como o portugués. 

“Afrontaremos a situación desde a fortaleza e a determinación que tivemos sempre. Imos retomar a senda de crecemento turístico do país, comprometidos con que o turismo, que foi clave para recuperarnos da crise de 2008, volva converterse nun sector clave para recuperarnos da caída abrupta do PIB, do incremento exponencial do paro, da débeda pública e do déficit público que se espera”, dixo, incidindo na necesidade do traballo conxunto para a través de medidas concretas e coordinadas reinventar o sector.

Co obxectivo de converter Galicia nun destino seguro, Feijóo precisou que un dos piares deste plan é a posta en marcha dunha estratexia de seguridade sanitaria para o sector, que permita deseñar tanto medidas de seguridade e hixiene, coa vista posta na reactivación; así como certificacións que acrediten o cumprimento destas medidas por parte dos distintos establecementos para incrementar así a confianza na Comunidade.

Nesta liña, lembrou que o sector turístico galego conta unhas bases sólidas para afrontar esta nova situación. Non en van, Galicia conta con natureza, paisaxe e gastronomía, ademais da calidade das súas praias e establecementos e do feito diferencial como é o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, que ten que seguir sendo unha chave para activar todo o sector.

Ademais desta estratexia, o plan de reactivación do turismo contará con outras medidas, 26 en total, enfocadas a fomentar o emprego, reactivar o consumo e xerar liquidez.

Así, e dentro do ámbito de Galicia como destino seguro, o titular da Xunta destacou un investimento de 6 millóns de euros para reformular a estratexia de promoción de destino; xerar novos produtos turísticos adecuados ao novo contexto do mercado; e adaptar o sector ao novo paradigma, adaptando os establecementos aos requisitos esixidos polos protocolos e favorecendo a adquisición de equipamentos e a preparación de espazos.

Por outra banda, o titular da Xunta destacou a posta en marcha dun programa de consultoría online para asesorar e axudar a identificar medidas personalizadas para cada área de negocio. Ademais de apostar pola formación e a competitividade.

“Crearemos tamén un observatorio para a innovación e a sustentabilidade turística e estamos a traballar xa na creación dun Bono solidario para as persoas de sectores como o sanitario e o social”, avanzou, para que, cunhas tarifas especiais bonificadas polo sector e incentivadas pola administración pública, poidan desfrutar de hoteis e restaurantes, entre outros servizos.

Así mesmo, destacou a necesidade de potenciar o traballo con xeodestinos e entidades locais e a busca de acordos con entidades financeiras para que complementen esta aposta pola economía e polo sector turístico.

“En definitiva, estamos a falar da creación de protocolos e certificados en materia hixiénico-sanitaria; do reforzo da marca Galicia e a potenciación dos nosos atributos referenciais; da aposta pola formación e a innovación; do impulso de novos produtos enfocados ao novo escenario; e de realizar campañas de promoción distintas”, explicou, a modo de resumo.

Boa recepción por parte do Clúster de Turismo

No encontro virtual tamén participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que se amosa optimismo cun planno que se recolleron o 70% das propostas que o sector trasladou á Xunta. Neste sentido, o presidente do Clúster considera que se contemplan claramente as tres principais preocupacións do sector turístico: a liquidez para darlle viabilidade económica ás empresas neste proceso de desescalada; a flexibilización dos ERTES e a necesidadad de contar con protocolos claros, concisos e consensuados co sector, ademais da posta en marcha de campañas de promoción e de recuperación da confianza do viaxeiro e de programas de formación para o sector.

“Ábrese unha porta cara ao optimismo, a salvar parte deste ano pero esta porta abriuse tamén con sombras. Preocúpanos como se producirá a desescalada tanto no calendario como nas medidas que o acompañan. Ademais do anuncio de flexibilización dos ERTES, que aínda non se publicou no BOE, necesitamos axilidade nas axudas e maior concreción no resto de medidas, posto que tal e como estamos, a apertura é inviable economicamente para a gran maioría dos empresarios do sector”, explicou o presidente do CTG no webinar.

Neste sentido, Cesáreo Pardal destacou tamén a importancia de achegar ao sector información clara e agradeceu que a Xunta contase desde o primeiro momento co sector, dando lugar a un plan que tal e como destacou o presidente da Xunta, “é un plan feito polo sector turístico e para o sector turístico”. No que todos os participantes do seminario estiveron de acordo foi en recalcar a necesidade de que primeiro haxa unha seguridade sanitaria xa que sen ela non hai actividade económica posible polo que será fundamental ser responsables para evitar brotes que nos fagan retroceder.