Fame de experiencias sumo o quinto premio internacional

A campaña turística da Deputación de Pontevedra "Fame de experiencias" acadou un novo recoñecemento internacional grazas ao premio que acaba de recibir no Festival de Turismo de Riga, Letonia, na categoría de mellor Produto Turístico. 

Este premio súmase aos catro que xa acadara anteriormente a Deputación de Pontevedra, pois o audiovisual xa tiña conseguido recoñecementos internacionais na Feria de Fitur, nos Golden City Gate de Berlín, nos New York Festivals Film and TV Awards e nos 16.° International Tour Film Fest de Bulgaria.

O audiovisual, producido pola empresa Esmerarte, recibiu o primeiro premio fronte a outros 38 vídeos de todo o mundo. O segundo posto foi para Canadá ("o5 Tea") e o terceiro, compartido, para Croacia (Croatia–Your Next Filming Destination) e Tesalónica, en Grecia (Archaeological Museum of Thessaloniki). O Festival de Riga cumpriu este ano 13 edicións e nesta ocasión optaron a premio 154 producións de todo o mundo.

Tras coñecer a noticia, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo en valor "os grandes destinos con que competíamos" e valorou "este novo recoñecemento internacional que sitúanos como un destino de referencia grazas a un turismo ligado ao territorio, ao produto e, como amosamos neste caso, a grandes produtores e produtoras que ademais o fan todo dun xeito tradicional e ecolóxico, en definitiva un modelo que xa era o motor do turismo e que agora aínda o será máis".