Experiencias diferenciadoras e aposta polo noso, claves para acadar a elusiva desestacionalización no Foro Covid-19
Esta tarde retomouse o debate sobre a desestacionalización no Foro Covid-19 da Deputación da Coruña, cunha sesión na que o noso colaborador Victoriano Castro recordou que en Galicia xa levamos moito tempo falando de desestacionalización e seguramente non avanzamos todo o que deberíamos. Pero como posible solución chamou a diferenciarnos e apostar polo noso para ser competitivos nun mundo globalizado, recordando de onde vimos para saber onde queremos chegar: "se o logramos a desestacionalización virá engadida"
Victoriano Castro apostou por "fomentar un turismo intelixente e eficiente en termos de rendibilidade, baseado na utilización dos recursos dos que dispoñemos, sexan turísticos sexan produtivos, de xeito que xeren un crecemento sustentable e integrado, e de paso revertir o inducido e interesado vaciado do rural". Como exemplos, citou os secadoiros de congro de Muxía ou o finis solis que dúas veces ao ano se pode contemplar dende o Cabo Touriñán, ademais de recordar a posibilidade de crear produtos propios complementarios como un hipotético obrador de conservas vexetais ou de froitas posto en marcha nunha instalación turística.
"Coido que estamos no momento de apostar por esas pequenas cousas que nos diferencian, polo consumo de productos de proximidade, pola filosofía slow, aplicable ao turismo e tan de moda últimamente, filosofía que xa avalaba hai máis de 3 décadas o meu caro amigo, mestre e director fundador da revista HGg&T, Guillermo Campos, que representou a Galicia, como un dos 5 membros españois asistentes ao congreso fudacional do slow food celebrado en Venecia. Converter esas pequenas cousas en produtos turísticos singulares que diversifiquen a oferta e desestacionalicen ao sector".
Na mesma liña expresáronse varios representantes da artesanía galega como Mª Dolores Lema, directora da mostra do encaixe de Camariñas, que salientou a importancia de coñecer a historia e o traballo das palilleiras para que os visitantes valoren na súa xusta medida o produto final. Nese sentido, apostou por desenvolver paquetes con experiencias únicas nas que a comunicación do que facemos sexa importante.
Por algo semellante apostou Idoia Cuesta, creadora de cestería contemporánea, que recordou o importante papel da artesanía como elemento diferenciador, unha forma de dar valor a outras actividades complementarias. E por parte da asociación de Olería de Buño, Eloi Mancebo puxo en valor o feito de que os visitantes poidan falar directamente co artesán antes de comprar unha peza, aínda que recoñeceu que queda camiño por diante para paliar a estacionalidade do turismo na zona.
O guante foi recollido polo vicepresidente da Deputación da Coruña e organizador do foro, Xosé Regueira, que destacou o valor engadido que lle dá a artesanía ao territorio, coincidindo con noso compañeiro Victoriano Castro na necesidade de buscar autenticidade e poñer en valor o que temos, demandando iso si a implicación do sector privado á hora de desenvolver productos e paquetes.
No foro tamén se tratou a adaptación dos museos á nova realidade, un tema no que César Abella (Trivium) detallou medidas como a implantación dunha dirección única nas visitas e facilitar pagos de electrónicos e reservas previas de entradas con horario. Finalmente, o redactor de Gciencia Manuel Rey puxo en valor o turismo científico no novo escenario, como alternativa a espazos ou experiencias máis masificadas.