Dúas novas campañas online promocionarán o patrimonio da provincia de Pontevedra

Turismo Rías Baixas e a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a posta en marcha de dúas novas campañas virtuais coas que se pretene promocionar o patrimonio da provincia e fomentar as visitas aos seus atractivos principais.

"As Rías Baixas visítante" ofrecerá visitas guiadas virtuais a algúns dos monumentos ou recunchos naturais máis singulares da provincia. Unha informadora turística da institución provincial faralle chegar ao público a historia de cada recurso a través de breves e interesantes vídeos que se difundirán nas redes sociais. 

Estas visitas guiadas virtuais programaranse os mércores e venres, ás 10 da mañá, a partir do 27 de maio nas redes sociais corporativas. Os vídeos estarán posteriormente accesibles na canle de YouTube de Turismo Rías Baixas. O antigo santuario do monte do Facho (Cangas), o bosque de Colón (Poio) ou a mámoa do Rei (Vilaboa) son algúns dos lugares que o público percorrerá virtualmente da man dunha guía especializada e desde a comodidade do seu fogar. "Queremos que as e os turistas virtuais poidan seguir as explicacións en vivo sobre o destino Rías Baixas dunha maneira instantánea e amena. Xa que non poden vir visitarnos, nós levámoslles a provincia directamente á súa casa", explican desde Turismo Rías Baixas.

Tamén se recorrerá ás redes sociais de Turismo Rías Baixas para convidar o conxunto da cidadanía e persoas de fóra interesadas en visitar a provincia de Pontevedra a realizar unha interesante "Viaxe ao pasado" aproveitando o valioso material histórico que custodia o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do arquivo provincial. Trátase de ilustrar monumentos, vilas termais ou espazos declarados bens de interese cultural das Rías Baixas por medio de vídeos, postais, fotografías e publicacións históricas que se conservan en bo estado.

A partir do 1 de xuño a Deputación de Pontevedra convidará así ó público a redescubrir a historia desta terra e os segredos dalgúns dos seus recunchos máis singulares a través das súas redes sociais e da web de Turismo Rías Baixas.

A intención é aproveitar este inxente material para trasladarlle de forma moi gráfica á cidadanía que a provincia de Pontevedra é un destino turístico cunha longa traxectoria de excelencia e arraigados costumes e tradicións que se mantiveron intactos e que se poden gozar hoxe en día. A campaña tratará de mostrarlles á veciñanza da provincia e ás potenciais visitas o antes pero tamén o agora das vilas mariñeiras das Rías Baixas, a transformación de barrios pesqueiros como O Berbés (Vigo) ou as orixes da vila termal por excelencia, Mondariz, e do antigo Gran Hotel Mondariz.