Día Internacional dos Museos en liña


A celebración do Día Internacional dos Museos conta con varias actividades en liña. Onte púxose en marcha "Son da arte", un proxecto no que artistas que expuxeron nos museos da Rede nos últimos dous anos poñen banda sonora a algunha desas obras.

Ademais, convidarase ao público en xeral a poñer música a unha obra, que se irá difundindo a través das redes sociais dos museos. Así, durante este tempo, crearase unha playlist do confinamento, que será o reflexo de múltiples olladas e de realidades diversas. O proxecto concluirá cun encontro coas artistas participantes o 18 de maio ás 19:30 horas.

Noite dos Museos
O sábado 16 de maio a habitual "Noite dos Museos", que se viña celebrando con quedadas nocturnas nos propios centros, trasladarase tamén ás redes que recollerán, a partir das 23:00 horas diarios de arte, educación e museos en tempos da Covid-19.

Museal-izémonos no DIM 2020
Durante toda a xornada do 18 de maio proxectaranse achegas de diferentes persoas, preferentemente en vídeo, que reflexionen brevemente sobre o significado e aplicación do lema escollido polo ICOM para conmemorar o Día Interancional dos Museos 2020: Museos para a igualdade: diversidade e inclusión. A través do dinámico da web, os vídeos renovaranse cada hora, consonte a un programa preestablecido que se fará público.

Exposición virtual "Esquecín esquecerte"
Por último, tamén o luns 18, ás 20.00 horas, inaugurarase a modalidade virtual da exposición colectiva "Esquecín esquecerte", con obras de 24 artistas que mostran unha visión persoal da realidade do alzheimer que provén da súa propia experiencia, cada unha desde a súa disciplina. Así, a mostra reùne debuxos, fotografías, vídeos, obra téxtil ou esculturas arredor dunha problemática que afecta a un conxunto da sociedade.