Comemos polos Ollos, nova acción da campaña “Pontevedra Provincia na túa cesta”


O concurso fotográfico Comemos polos Ollos, que se levará a cabo nos perfís de Twitter e Instagram de Turismo Rías Baixas invita ás seguidoras e seguidores das dúas contas a compartir fotografías de produtos da provincia de Pontevedra, xa sexan ao natural ou cociñados. A Deputación provincial puxo en marcha esta nova acción para promocionar a rica e variada gastronomía da provincia.

“Sabemos que todos os nosos produtos son moi saborosos e fotoxénicos e que hai marabillosas e marabillosos artistas que nos poden transmitir esa beleza comestible que temos tan preto. Queremos que as usuarias e os usuarios das redes compartan esas imaxes con toda a comunidade”, declarou Carmela Silva, presidenta da institución,

Esta acción, enmarcada na campaña “Pontevedra Provincia na túa cesta”, ten como obxectivo poñer en valor os produtos locais e o traballo das produtoras e produtores da provincia a través da fotografía. A gastronomía é un dos activos consolidados do destino turístico Rías Baixas, segundo recolle o Plan estratéxico de turismo 2017-2020, e atesoura un alto potencial de captación de viaxeiras e viaxeiros.

Para participar no concurso é preciso seguir calquera das contas de Turismo Rías Baixas (@turisriasbaixas en Twitter e @turismoriasbaixas en Instagram) e incluír na publicación que acompañe cada fotografía o hashtag #comemospolosollos. O prazo de presentación de imaxes permanecerá aberto desde hoxe ata o 15 de xuño, e ao día seguinte de pecharse daranse a coñecer as fotografías gañadoras. As bases do concurso están colgadas na páxina web de Turismo Rías Baixas.

“Peixe, carne, alimentos da horta, queixos, viños, mel… Todos estes produtos e máis forman parte de nós, da nosa provincia. Animámosvos a compartir con nós a cor, as formas e as texturas dos pratos e dos alimentos a través de imaxes que falan de historia e de experiencias, do noso, o que nos identifica, o que valoramos e polo que nos valoran”, resaltou a presidenta da Deputación.

Os premios: sete lotes de produtos das Rías Baixas
No concurso entregaranse sete premios repartidos en dúas categorías –produto cociñado e produto ao natural– e haberá unha mención especial á “mellor composición fotográfica”, na que se valorará non só a calidade técnica e artística, senón tamén a promoción da provincia de Pontevedra como destino gastronómico e a posta en valor da riqueza turística das súas distintas comarcas. Os premios para as gañadoras e gañadores consistirán en lotes de saborosos produtos das Rías Baixas.

“Entre todas e todos crearemos un inmenso bodegón fotográfico para comeren a provincia polos ollos. Experimenta e sorpréndenos”, animou a presidenta da Deputación.