Colaboración estratéxica de Google na proxección do Xacobeo 2021


A Xunta e Google colaborarán na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago. Así o avanzou hoxe durante a reunión telemática do Consejo Jacobeo, no que Galicia convidou ao resto de comunidades a sumarse a este proxecto. O Goberno autonómico e o xigante tecnolóxico están xa a definir as liñas de traballo desta colaboración que se considera estratéxica na proxección do Xacobeo 2021 e que se concretará na creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural do Camiño na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco. 

Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural estrela de Google, e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grande escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View. Google está planificando o inicio das gravacións baixo a coordinación da Xunta, través da Amtega e a Consellería de Cultura e Turismo. 

Ata o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial. O seu papel como elemento vertebrador de Europa trasládase así a novas contornas que, como está a demostrar a actual crise sanitaria, é un ámbito privilexiado para o uso, consumo e desfrute cultural, así como un punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme. 

Seguridade e planificación 
Este foi un dos temas abordados na Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, celebrada a petición de Galicia e que serviu para avanzar na posta en común de medidas para a reactivación do Camiño de Santiago de maneira coordinada a nivel estatal. Neste sentido, a Xunta atopou consenso na súa proposta de crear un protocolo de medidas sanitarias específico para a Ruta Xacobea, que se desenvolverá a través do Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), con quen a Consellería de Cultura e Turismo está xa a traballar. 

Tamén se coincidiu na petición galega de ampliar as desgravacións fiscais polo Ano Santo durante todo o 2022, unha medida que polo de agora abarca só ata o 30 de setembro de 2021, e que estimularía os recursos privados e multiplicaría a súa repercusión, tal e como explicaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, como representantes da Xunta de Galicia. 

Igualmente, anunciaron a posta en marcha dunha nova iniciativa que permitirá mellorar as destrezas comunicativas en idiomas dos profesionais que traballan no Camiño. Para iso, ofreceranse conversas online con peregrinos de distintas partes do mundo que, ademais de mellorar as competencias lingüísticas, farán posible intercambiar experiencias. 

Voluntarios de catro países 
O programa de conversas está especialmente deseñado para albergueiros e persoal responsable dos establecementos vinculados ao Camiño. Estableceranse conversas inicialmente en inglés –con posibilidade de estendelo a outros idiomas– con voluntarios de asociacións de amigos do Camiño de países de fala inglesa (Reino Unido, Estados Unidos, Sudáfrica e Canadá) ao redor de temática xacobea e vinculada ao Camiño de Santiago. 

As persoas interesadas poden apuntarse de xeito gratuíto e obter máis información en www.caminodesantiago.gal/conversas-en-ingles. Deberán contar cos medios tecnolóxicos axeitados, unha dispoñibilidade de tempo que contemple os diferentes fusos horarios noutros continentes e un nivel mínimo de inglés que permita practicar unha conversa.