As cidades Patrimonio da Humanidade reclaman medidas específicas

Os alcaldes das 15 cidades Patrimonio da Humanidade en España, entre as que se atopa Santiago de Compostela como representante galega, reuníronse telemáticamente este mércores coa secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, aproveitando para reclamarlle unha campaña de promoción específica e melloras na conectividade ferroviaria, aérea e marítima para os destinos co selo da Unesco.

Nese sentido, o presidente do Grupo e alcalde de Eivissa, Rafael Ruiz,sinalou que "imos pedir ao Ministerio de Transportes e Mobilidade que, na medida do posible, aumente as frecuencias por vía ferroviaria, e tamén as conexións aéreas, entre a Península e as illas, ademais de reforzar a conexión marítima con Eivissa. As nosas cidades teñen que ter máis facilidades de mobilidade e frecuencias. E son reivindicacións que tamén imos trasladar ao Ministerio de Transportes".

A secretaria de Estado subliñou que, por segunda vez na historia de Turespaña, vai poñer en marcha unha campaña de promoción de España dirixida ao mercado nacional. Nesa liña, os alcaldes e alcaldesas do Grupo reclaman unha campaña específica das Cidades Patrimonio no mercado nacional: "Aínda que necesitamos máis medios para xestionar o turismo, esperamos que volva ser importante e volver ver ás nosas cidades cheas, polo menos un nivel de actividade que poida reactivar a economía dos nosos veciños e veciñas", engadiu o presidente.

Rafael Ruiz agregou que "tamén pedimos que se libere o superávit dos concellos, que agora imos ter que prestar moitos máis servizos durante a fase de desescalada e ademais imos ter que reforzar todas as medidas de seguridade, tanto para os traballadores como para todas as persoas que nos poidan visitar".

Entre as principais reclamacións do Grupo para o Goberno de España figura "unha axuda económica específica para o mantemento das cidades históricas. Expuxérono varios alcaldes e trátase dunha reivindicación que vén de lonxe e agora volvemos poñer sobre a mesa", subliñou Rafael Ruiz, antes de lembrar que "os concellos non cobramos o IBI aos edificios históricos; arranxar fachadas é moito máis complexo, sen esquecer que todo o sistema de recollida de lixos ou cableado é moito máis caro nos casos históricos, co cal, é evidente que esta crise tamén vai afectar aos recursos dos concellos e o Grupo pide unha axuda económica específica para o custoso e necesario mantemento das Cidades Patrimonio da Humanidade".

A flexibilización de Lei de Estabilidade Orzamentaria é outra das demandas que trasladaron á ministra de Turismo, Reyes Maroto, e tamén hoxe á secretaria de Estado: "É unha Lei que cerna a autonomía local e ese superávit son ingresos que corresponden aos veciños e veciñas e teñen que estar ao dispor da cidadanía máis que nunca, porque a desescalada necesita de moito control e de moito traballo que ata o de agora os concellos non faciamos. 

A flexibilización dos ERTES para todas as empresas relacionadas co turismo, tamén destaca entre as súas peticións. "Necesitamos flexibilizar o máximo posible os ERTES nos negocios vinculados ao turismo, como poidan ser tendas de souvernirs, hoteis, bares ou restaurantes, entre outros. Dende os concellos agradeceuse a rede de protección laboral que supuxo o plan aprobado polo Goberno, pero evidentemente pedimos un pouco máis de flexibilidade e que na desescalada acompáñese a estes traballadores que o van a pasar mal".