Arousa Norte aposta pola reformulación e o turismo seguro e de proximidade


A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte aposta por unha nova reformulación de accións adaptadas a un novo contexto. Os alcaldes dos catro concellos de Arousa Norte, Rianxo, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, aprobaron posta en marcha dun plan de traballo que está baseado na re-elaboración e desenvolvemento de accións innovadoras pensadas no turismo seguro e de proximidade. 

Neste plan contémplase a realización dun traballo coordinado coas Concellerías de Turismo do Barbanza así como a creación de mesas sectoriais que contarán coa participación do empresariado turístico (hostalería, aloxamentos, axencias de viaxe e empresas de ocio) de Arousa Norte “Situándonos nun escenario, a día de hoxe, descoñecido, é o momento de reinventar e adaptar as accións a un novo mundo no que a tecnoloxía e a vida en pequeno formato son as protagonistas. Apostamos nesta estratexia polo turismo sostible e de proximidade, así como pola unión do sector para atopar solucións integrais” sinala Irene Maneiro.

Desde Arousa Norte, non se detallan polo momento as accións a desenvolver, pero adiantan a garantía de apostar pola seguridade no destino, a posta en valor dos recursos patrimoniais, culturais e gastronómicos do territorio así como o apoio e suma á marca “Galicia destino seguro” promovida por Turismo Galicia.