En tempos de confinamento, os apicultores inscritos á IXP Mel de Galicia continuaron a súa labor de forma infatigable, atendendo, alimentando e coidando dos colmeares mentres cumpren con tódalas normas de seguridade. Esta labor non só se realizou para seguir ofrecéndonos un mel de calidade diferenciada, senón tamén para protexer aos cidadáns e evitar a aparición de enxames nas áreas urbanas.
Para poder garantir a protección e a seguridade alimentaria fronte á pandemia da Covid-19, o Consello Regulador do ouro doce galego sumouse á compra conxunta de material de protección individual realizada pola Xunta de Galicia, fornecendo de mascarillas ás instalacións inscritas na IXP que así o solicitasen.
O aumento das vendas: unha revalorización da contraetiqueta Se nalgo incidiu sempre o Consello Regulador da IXP, coa súa presidenta Ester Ordóñez á cabeza, foi na importancia de buscar a contraetiqueta Mel de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida á hora de adquirir este produto no mercado. Con ela, garántese que estamos ante un mel da máxima calidade, de orixe cento por cento galego e sometido aos máis rigorosos controis sanitarios.
Unha xoia gastronómica cun aporte nutricional superior aos demais, posto que posúe o maior contido en minerais e vitaminas rexistrado. Sen dúbida, un potente antiviral natural que axuda a reforzar o sistema inmunolóxico. Algo que non pasou desapercibido para os consumidores nestes tempos de pandemia, rexistrándose un aumento das vendas nas envasadoras de maior tamaño, provocando un incremento notable na solicitude de contraetiquetas por parte destas marcas que chegan a mercados fóra da comunidade.
Atención aos pequenos produtores
As boas cifras de venda rexistradas por aquelas envasadoras que comercializan principalmente á distribución, non se corresponden en cambio coas instalacións de menor produción ou acollidas á venda directa, dependentes da comercialización en pequenos comercios, feiras e mercados municipais que se viron afectados nas últimas semanas a causa da emerxencia sanitaria.
Dende Mel de Galicia piden a colaboración dos consumidores en potenciar o mercado local e apoiar a todas as produccións agrogandeiras que viron mermadas as súas vendas, entre elas as envasadoras de Mel de Galicia. Por elo queremos concienciar aos consumidores da importancia de apoiar ao campo galego, para que o sector apícola poida seguir vivindo no rural e do rural.
Así que, tomade nota, porque mercando o ouro doce pertencente á IXP Mel de Galicia, non só vos estaredes protexendo coma consumidores e aumentando o voso sistema inmunolóxico, senón tamén colaborando cos apicultores galegos, mantendo a biodiversidade e apostando por un cobizado produto que compite en calidade diferenciada no mercado do mel a nivel mundial, onde ten unha moi boa aceptación e posicionamento.