Adxudicada a musealización dos castros de Toiriz, A Subidá e Alobre

O ministerio de Fomento acaba de adxudicar a restauración e musealización dos tres primeiros castros galaico-romanos integrados no seu protocolo coa Deputación de Pontevedra, os xacementos de Toiriz (Silleda), A Subidá (Marín) e Alobre (Vilagarcía). 

A empresa “Patrimonio inteligente” será a encargada de levar a cabo proxectos adxudicados por un importe de 519.864,11 euros, e poderá meterse en faena en canto os concellos concedan as respectivas licenzas de obras. Dende o ministerio estímase que os traballos se iniciarán a finais de xuño e terán un prazo de execución de catro meses. 

En grandes liñas, as obras comezarán con labores previas, pavimentación, dotación de mobiliario e sinalización, tratamento da paisaxe e melloras dos accesos. Amais, en todos eles se situarán paneis que incluirán unha liña temporal co seu encadre cronolóxico, información xeográfica e sociocultural, datos da contorna da escavación e trazas na paisaxe. A tipoloxía dos soportes e á súa distribución non supón unha carga visual para os xacementos, ao contrario, facilitan unhas visitas nas que se integran os xacementos coas súas contornas. Amais, a versatilidade dos soportes e á súa teórica sostenibilidade, facilitan que si nun futuro as áreas visitables se amplían a información poderá ampliarse e modificarse. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xa amosou a súa satisfacción: “estamos de noraboa, é unha grande noticia. Estas adxudicacións van permitir a xeración de actividade económica e emprego, amais de cumprimentar o obxectivo de posta en valor do noso patrimonio e o desenvolvemento do noso modelo turístico centrado nun destino cultural" 

Castro Alobre (Vilagarcía) 

As persoas que unha vez rematadas as obras visiten o xacemento de Castro Alobre en Vilagarcía, poderán realizar un percorrido sinalizado con "picas" e espazos vexetais recuperados e a musealización irase explicando mediante diversos soportes (paneis con textos, soportes QR para descarga de audios ou pavimentos de diferente tonalidade) a cronoloxía do xacemento e todas ás súas fases, a importancia do seu emprazamento (punto estratéxico, proximidade ao mar, orografía, etc.). 

Toiriz (Silleda) 

O proxecto que se vai a executar en Toiriz, en Silleda, incidirá en elementos, como os resultados da intervención non invasiva que aportaron datos sobre a existencia de estruturas de habitación/cabanas. Tamén no seu bo estado de conservación que fixo que no seu momento se convertese nun parque urbano. Por último, no seu sistema defensivo aínda visible e perceptible facilmente. A visita comezará cunha introdución xenérica que estará emprazada nunha barreira nova que substituíra á actual (moi deteriorada), a partires de ai e con soportes sutís ("picas" con paneis) se realizará unha aproximación cronolóxica, explicaranse datos referentes á xeografía da contorna e cales son as dimensións do poboado e á súas características, prestando especial atención ás defensas do castro. Os códigos QR nos paneis facilitarán a visita. A intervención busca integrarse na paisaxe como un elemento máis desde o respecto máis absoluto polo territorio. 

A Subidá (Marín) 

O proxecto vai a executar un esquema de visita que garda a mesma estrutura que nos outros xacementos, gardando a coherencia de "ruta" que supón "Trazas de Pontevedra". Neste caso partirase da zona de aparcamento cunha indicación xenérica sobre un panel con texto que dará os perceptivos datos da "Ruta" e dos xacemento galaico romanos da Provincia de Pontevedra. Os seguintes puntos de información distribuiranse no camiño de subida que será acondicionado. As "picas" elemento singular do proxecto iran informando da cronoloxía, o seu posicionamento xeográfico, o vencello con outros xacementos próximos ou un acercamento sociocultural do lugar e o período no que foi habitado. Xa no espazo onde se conservan as estruturas escavadas, varios paneis, e códigos QR nos informarán das cabanas que existen, dos datos que se coñecen do xacemento ou da existencia de varios petróglifos no propio castro. Tamén se executará un banco realizado en gabións que terá unha dobre finalidade, punto de contemplación da paisaxe e o territorio e punto de información xa que servirá de soporte expositivo. A versatilidade dos soportes empregados nesta musealización facilitarán que si nun futuro se amplía a información, ou se escavan máis estruturas, estes teñen posibilidade para albergar eses novos datos, ou desprazarse a outro punto de maior interese.