A Xunta apoiará medio centenar de eventos congresuais no último cuatrimestre do ano

O sector da organización de congresos foi un dos grandes damnificados nesta crise sanitaria. Foron dos primeiros en pechar e previsiblemente serán dos últimos en volver a abrir, nun ano no que Galicia contaba con despegar trala organización do congreso nacional da asociación OPC España. 

Para constribuír a paliar o golpe, a Xunta impulsará o turismo de congresos apoiando a celebración de medio centenar de eventos como seminarios ou convencións durante o último cuadrimestre do ano a través dunha ampliación dos prazos de execución e de xustificación das axudas do Goberno galego a entidades organizadoras deste tipo de eventos.

Trátase dunha liña aprobada pola Xunta a finais do ano pasado e dotada con máis de medio millón de euros. Ante o escenario actual, decidiuse revisar os períodos de realización e de execución dos proxectos imputables á anualidade deste ano, establecendo os prazos o máis amplos posibles, garantindo que se poida revisar a documentación xustificativa e tramitar o seu pagamento no exercicio orzamentario actual.

Con esta ampliación de prazos –que non implica a apertura dun novo período para presentar novas solicitudes–, prevese que se poderá axudar no financiamento a preto de medio centenar de eventos de cara ao último cuadrimestre deste ano.

Esta medida súmase ás contempladas no Plan de Reactivación do sector turístico para fomentar Galicia como destino MICE. Entre as accións que recolle a estratexia elaborada polo Goberno galego para impulsar esta modalidade destaca a posta en marcha de axudas para a adaptación das empresas do sector á nova normalidade ou a creación dun plató online que permitirá celebrar este tipo de eventos a través de internet.