A Xunta adiantará as axudas para o rural

O goberno autonómico acaba de anunciar que adiantará durante maio e xuño os preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores por mor da emerxencia sanitaria.

Trátase dun plan de liquidez avalado polo comité de expertos da Xunta, que se estructurará en tres medidas. En primeiro lugar, a axilización do pago de subvencións xa concedidas e que están unicamente pendentes de comprobación en campo e pago por parte da Administración. Deste xeito darase flexibilidade aos controis no campo, co fin de adiantar os seus pagos aos meses de maio e xuño. 

A maiores, a Xunta anticipará ata un 50% -ata o momento, na maioría dos casos os anticipos eran tan só do 10%- das achegas agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural das convocatorias cofinanciadas por fondos europeos, como as de plans de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións ou a iniciativa Leader. 

En terceiro lugar, está contemplada a sinatura dun convenio coas entidades financeiras para o anticipo aos destinatarios das axudas da PAC correspondentes ao 2020, que supoñen arredor de 210 millóns de euros. Estas achegas non requiren obra nin investimento e adoitan cobrarse de forma ordinaria nos meses de outubro e decembro, aproximadamente, de cada ano.

En virtude deste convenio, as entidades adiantarían as axudas e a Xunta asumiría os intereses, de forma que o sector poida cobrar a PAC canto antes e sen ningún tipo de custo nin xuros para os gandeiros e agricultores para que calquera deles perciba a PAC tan pronto como a solicite.