“A sostibilidade real, concepto clave no segundo debate empresarial do foro Covid-19”


A aposta por unha sostibilidade real no eido turístico, entendida no seu senso máis amplo, foi un dos conceptos máis repetidos no segundo debate co mundo empresarial do Foro Covid-19 organizado pola Deputación da Coruña, no que tamén houbo tempo para falar do papel das axencias de viaxe e das empresas de turismo activo trala crise, das novas estratexias de marketing ou da necesidade de ser pacientes para saír con seguridade e non dar pasos atrás.

O vicepresidente da Deputación, Xose Regueira, chamou a aproveitar esta crise para “plantexarnos o que queremos ser de maiores”, apostando por un modelo no que “o turismo sexa rendible a nivel económico e social” e beneficie á sociedade no seu conxunto, recordando unha vez máis que debemos evadirnos do concepto romántico do turismo e pensar nel en termos de retorno económico. Recoñece que esta crise fará caer modelos de negocio que quizais xa non eran competitivos, pero confía na capacidade conxunta do sector para gañarlle a partida ao virus e convencer ao mercado de que somos un destino seguro e profesional. 

A consultora turística Cristina García Souto foi un dos ponentes que máis incidiu na necesidade de apostar por unha sostibilidade non só ambiental, senón social e económica, como contraposición a un modelo “baseado no crecemento, en cantas máis persoas mellor e canta máis facturación mellor” que ás veces se esquece de medir a calidade dos empregos que se crean ou que porcentaxe da facturación queda no territorio. Con esta idea en mente, chamou a “reinventarnos e facer unha medición real da carga que poden soportar os nosos destinos”, nun novo escenario no que probablemente poidamos viaxar menos. 

Pola súa banda Jesús Picallo, da asociación de empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía (Solpor), considerou que Galicia pode posicionarse como destino saudable, sostible e seguro, recordando que unha das debilidades que tiñan na Costa da Morte como a dispersión xeográfica se converte agora nunha fortaleza. Chama a plantexarnos cómo imos vender esa idea para conseguir que veña a xente, informando de que algúns dos asociados xa están detectando cambios nos clientes que se interesan por reservar un aloxamento, que comezan a facer preguntas como a distancia do establecemento do hospital máis próximo ou os protocolos sanitarios que ten implantados. 

Sobre os cambios no comportamento nos visitantes tamén falou Julio Sánchez, de Valora Consultores, que pronosticou que se perderá a improvisación, a tendencia a coller o coche e lanzarse á aventura. Aventura que no novo escenario haberá máis planificación, que os usuarios farán preguntas ás que debemos estar preparados para respostar. E á hora de planificar cambios nos plans de marketing, lanzou a idea de priorizar aos clientes que repiten, ter en conta a importancia da fidelización ante a caída da demanda global.

Por parte da asociación de turismo activo e actividades na natureza de Galicia (AGETAN), o seu presidente Agustín Rico asegurou que se o seu sector é quen de reaccionar e xestionar ben a crise pode non só capear a crise a curto prazo, senón incluso saír reforzado de cara ao futuro. Con esta idea en mente, chamou a defender e impulsar a competividade, facendo promoción para lograr unha reactivación temperá no momento no que se poida volver a traballar. 

E finalmente o presidente da asociación de axencias de viaxes de Galicia (AGAVI), Juan Rivadulla recordou que xa viviu varias crises nas que se vaticinou o fin das axencias de viaxe… Pero aínda que recoñece que todo o sector afrontará un tempo moi difícil, confía en que se reactive a demanda a medida que se vaia consolidando a seguridade. Fixo iso si unha advertencia contra o intrusismo e a competencia desleal, que pode ser unha tentación en tempos de carestia económica nos que a moitos se lles pode ocurrir comezar a alquilar habitación, ensinar a súa cidade ou “montar un bar debaixo dun carballo”.