A Programación Conmemorativa das Letras Galegas contará coas Bibliotecas Públicas de Galicia


As Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Xunta súmanse aos actos para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio. A situación actual xerada polo coronavirus motivou que as ferramentas e materiais deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, fosen reformuladas para que se poidan acceder a elas de xeito virtual ao abeiro da campaña #aculturasegue. Neste contexto, as bibliotecas ofrecerán durante esta semana diversas actividades a través das súas redes sociais e páxinas web. 

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña pon esta semana a disposición dos usuarios unha guía de lectura con recursos sobre o escritor ferrolán así como outra guía con datos curiosos sobre a súa vida e obra. Esta última será obxecto de concurso nas redes sociais, onde se formularán diversas preguntas. 

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Lugo puxo en marcha Carvalho Calero Lucense, a exposición virtual na que, a través dunha liña do tempo, presenta a obra poética, teatral, prosa e ensaio que escribiu durante a súa estadía en Lugo. 

Na fin de semana das Letras, a Biblioteca Pública de Ourense une esta celebración coa festa dos maios e compartirá nas súas redes unha creación floral dedicada a Carvalho Calero. Así mesmo, ofrece unha exposición dixital de obras do intelectual titulada Lembrando a Carvalho, e outra mostra virtual na que se lembra a autores que escriben en galego baixo o título As nosas letras, os nosos autores. 

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra manterá unha intensa actividade nas súas redes a partir do día 17 de maio a través da iniciativa Letras con moito ritmo a través da cal o público infantil e xuvenil están invitados a escribir e recitar poesía. Ademais, tamén na súa web, ofrecerá a exposición virtual Ricardo Carvalho Calero: compromiso coa lingua que repasa a súa vida e obra. 

En Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal tamén homenaxeará ao escritor cunha exposición virtual dispoñible ao longo desta semana nas súas redes sociais que conta con infografías sobre o autor homenaxeado este ano e a través da cal, se porán tamén de manifesto os fondos da plataforma dixital GaliciaLe que se poden tomar emprestados. 

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel súmase á celebración deste día tamén con dúas exposicións virtuais dispoñibles a partir de mañá: Carvalho Calero, Pretérito (im)Perfecto: traxectoria e obra, e As Letras de grandes e pequenos, esta última pensada en clave infantil para que os nenos coñezan aos autores aos que se lle dedicaron as Letras Galegas desde o ano 1963 ata hoxe. Por último, a Juan Compañel animará as redes sociais durante o mes de maio coa iniciativa #FragmentosGalegos, mediante a cal os que desexen tomar parte deberán compartir con dita etiqueta fragmentos de obras de autores galegos. 



Biblioteca de Galicia 
A Biblioteca de Galicia tamén formará parte das celebracións dixitais do Día das Letras Galegas a través da incorporación no seu portal dun microsite no que se incluirán todos os artigos e poemas, entre outros, que publicou Ricardo Carvalho en diferentes cabeceiras da prensa galega e que se atopan dixitalizados. Deste xeito, darase un acceso máis directo a estas pezas que o escritor foi publicando ao longo da súa vida. 

Así mesmo, a Biblioteca de Galicia, como centro de conservación e difusión do depósito legal electrónico, quere destacar todos os recursos web que se están a xerar en internet con motivo da conmemoración das Letras Galegas este ano. Neste sentido, publicará unha relación de todos estes recursos cun pequeno resumo da información que conteñen.