A FEMP reclama un fondo de reconstrucción para os concellos

A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) remitiulle ao goberno un documento con 19 propostas de medidas económicas extraordinarias ante a crise do coronovarius, entre as que destaca a creación dun Fondo de Reconstrución para as Entidades Locais que permita aos concellos "ser considerados no mesmo nivel que as CCAA" e "que unha parte da reconstrución de España que estamos a facer nós conste tamén, e que teña un fondo".

Tras reunirse cos alcaldes das 15 cidades españolas máis poboadas, o presidente do organismo e alcalde de Vigo, Abel Caballero, recordou o papel fundamental dos Gobernos Locais durante toda a crise, desde velar polo confinamento ata dar consellos de hixiene aos cidadáns, e o papel activo que deberán ter durante a reconstrucción. 

Por iso reclama “a utilización dos superávits e remanentes en cada unha das cidades que os conseguiron” para reconstruír o país tras a pandemia porque, engadiu, “son os aforros de cada municipio e pertencen aos cidadáns”. Ademais, pediu dotar de liquidez aos municipios e cidades que non conten con estes recursos. 

Caballero, ademais, reiterou a demanda de que sexa derrogada a Lei de Estabilidade Orzamentaria que foi “a que encorsetou a xestión económica das Entidades Locais”. Con relación ao transporte público, as quince cidades máis poboadas coincidiron no grave deterioro económico das empresas que prestan este servizo tanto durante a crise sanitaria como na fase de desescalada, e expoñen a necesidade de adoptar medidas que trasladarán hoxe mesmo na reunión que se manterá co ministro de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, José Luis Ábalos.

Na reunión deste martes, que o presidente da FEMP definiu como “eficaz, conveniente, con acordo practicamente total entre os alcaldes e alcaldesas que interviñemos, e moi útil para o municipalismo e para os cidadáns de España”, participaron ademais del mesmo, como convocante e alcalde de Vigo (unha desas quince cidades) os primeiros edís de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Murcia, Palma, Las Palmas de Gran Canaria, Bilbao, Alacante, Córdoba, Valladolid e Xixón. Tamén participaron os Vicepresidentes da FEMP: José María García Urbano, Vicepresidente Primeiro e Alcalde de Estepona; e Milagros Tolón, Vicepresidenta Segunda e Alcaldesa de Toledo.

Para Caballero, a reunión permitiu “poñer en común formas de ver o municipalismo das grandes cidades. As grandes cidades marcan moito a dinámica dos países, ocupan moito espazo nos tempos actuais no liderado social”. Os participantes estiveron de acordo en verse desta forma no marco da FEMP, presididos polo Presidente da FEMP, en solidariedade e cooperando co resto dos 8.131 Concellos.