A Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra lanzan a primeira Escola de Letras de Galicia

A Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra veñen de anunciar a súa alianza para poñer en marcha unha innovadora “Escola de Letras”, un proxecto inédito en Galicia e con poucos precedentes no resto de España que apostará pola literatura e pola formación de escritores a través de obradoiros abertos ao público xeral. 

Estos obradoiros estarán impartidos por escritores de primeiro nivel e versarán sobre todo tipo de temáticas relacionadas coa literatura: novela, relato curto, poesía...  Os cursos distribuiranse entre as sedes provincias de Vigo e Pontevedra e partirán da base de que “todos temos unha historia que contar”. 

Segundo explicou o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, trátase dun proxecto moi ambicioso que pretende “transformar a realidade” e ofrecer un espazo para “soñar a través da palabra”. O único requisito marcado para participar, é ter amor pola palabra e a literatura”. 

Os obradoiros están previstos para un máximo de 15 persoas a partir de 16 anos, coa idea de evitar as clases maxistrales e favorecer a participación e a formación persoalizada. A idea inicial é comezar cos obradoiros na segunda quincena de xuño, aínda que lóxicamente dependerá da evolución do proceso de desescalada. As incripcións levaranse a cabo a través dun correo que habilitará próximamente a Editorial Galaxia. 

Ademais da formación literaria práctica, tamén se incluirán encontros con profesionais do mundo de libro, recitais con público para dar a coñecer os traballos dos alumnos e a publicación dun libro que tratará de integrar achegas concretas de todos os participantes na Escola de Letras. 

Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, esta nova iniciativa trátase dun “soño cumprido que converte a esta provincia de novo nunha referencia, unha idea marabillosa que apoia directamente ás escritoras e escritores, pero tamén a todas aquelas persoas que gozan escribindo e ás que podemos axudar a crecer na súa paixón”. 

Carmela Silva incidiu no refuxio seguro que ten sido a literatura no confinamento, e sinalou que “agora, fronte ao ruído que non aporta nada, unha Escola como esta é máis necesaria que nunca porque a cultura é unha necesidade vital”. A presidenta da Deputación, asegurou que “esta Escola supón o pracer de usar a palabra como instrumento de comunicación individual e colectivo, e non é unha idea efémera, a Escola chega para crecer e permanecer”