A Deputación de Pontevedra renova a sua xestión cultural coa fichaxe de Paula Cabaleiro

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar a contratación da comisaria de arte e xestora cultural Paula Cabaleiro como directora da súa área de cultura, unha nova “fichaxe” que esperan que supoña un revulsivo nun área prioritaria, na que o organismo provincial segue marcándose como obxectivos darlle prioridade ás persoas e democratizar a cultura. 

A nova directora é consciente de que asume a súa nova responsabilidade nun momento difícil, pero amósase convencida da necesidade de aferrarse á cultura en momentos complexos como o que vivimos e comprométese a traballar para configurar unha identidade propia na política cultural provincial.

Paula Cabaleiro adiantou que organizará a acción cultural da Deputación en torno a 4 eixos fundamentais. Para comezar, seguirase poñendo en valor e actualizando o patrimonio existente a través de restauracións, sinalizacións, musealización de contornas… Tamén se promoverá unha oferta cultural propia e promocionarase o patrimonio intanxible. 

E por último, pero non menos importante, tamén se adicarán recursos a apoiar a produción cultural contemporánea, nunha liña de actuación que considera fundamental se queremos garantir a supervivencia do sector neste tempo de crise. 

Paralelamente e de forma transversal, toda a política cultural da Deputación seguirá apostando por valores fundamentais como a igualdade e a sostibilidade.