Xosé Regueira: "a nova situación vai impor un turismo de proximidade"

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, convida aos concellos a facer uso das axudas da liña de subvencións para contratación de persoal técnico do sector turístico para deseñar novas estratexias coas facer fronte á grave crise provocada pola COVID-19. "O sector vai ter que dar un xiro substancial para abrir novos camiños para sobrevivir", sinala Xosé Regueira.

A Deputación da Coruña destina un total de 783.797,22 € á contratación de persoal técnico de turismo de concellos de menos de 50.0000 habitantes nun momento en que o sector está a padecer unha importante crise e perda de emprego provocada pola COVID-19.

"O que xa apuntan con claridade os poucos estudos feitos até agora é que reavivar o sector turístico e vencer o medo das persoas á pandemia vai supor novos esforzos e iso só se poderá conseguir cunha oferta que dea garantías de seguridade, fundamentalmente cun turismo de natureza e non masificado o que ten que ser unha oportunidade para desenvolver os recursos dos concellos pequenos", defende Xosé Regueira que non ten dúbida de que, nos próximos meses, cando as condicións sanitarias o permitan, imporase o turismo de proximidade, de traxectos pequenos e será preciso estimular, con responsabilidade, de maneira especial a galegas e galegos a coñecer o propio territorio.

"A masificación do turismo deixou de ser un dos principais temas de debate no ámbito turístico para centrarse en abrir vías para vencer por un lado o medo á pandemia e a contaxios e, polo outro, a crise económica que está a provocar a COVID-19, os dous elementos van levar a repensar o futuro do sector e optar por novas vías para o que as administracións públicas precisarán o apoio de profesionais especialistas", afirma o deputado de Turismo.

En total, 57 son os concellos beneficiarios dunhas subvencións que se viñan empregando en edicións anteriores da convocatoria para contratar profesionais para o servizo de información turística, de maneira especial, nas tempadas altas de visitantes e que poden ser agora unha oportunidade para dotar os municipios de persoal técnico que acompañe a saída da crise. "O turismo está a dar un xiro inmenso e neste momento xa desapareceu mesmo o concepto de temporada alta. Todos os informes coinciden en que hai que ser audaces para , cando o permitan as autoridades sanitarias, poder activar produtos que respondan aos novos tempos que serán, sen dúbida, os dun turismo de proximidade, responsábel, con garantías, familiar ou de pequenos grupos e, fundamentalmente, sostíbel", sostén o deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Neste sentido, o tamén vicepresidente da institución provincial, convida a que os concellos contraten persoal técnico a través da liña de axudas da Deputación da Coruña xa que, neste momento, "poden cumprir un papel fundamental á hora de deseñar novos produtos que se adapten á nova situación ademais de acompañar ao sector privado dos municipios para sobrevivir despois desta crise que afecta de maneira descarnada o ámbito industrial do turismo".

Os concellos beneficiarios da liña de subvencións de persoal técnico de turismo son A Laracha, a Pobra do Caramiñal, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Arteixo, Arzúa Betanzos, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Camariñas, Cambre, Carballo, Cariño, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Corcubión, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Melide, Miño,Moeche, Monfero, Mugardos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Negreira, Noia, Oleiros, Oroso, Ortigueira, Outes, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santiso, Sobrado dos Monxes, Teo, Touro, Valdoviño, Vedra, Vimianzo, Zas e O Pino.