"Un tercio dos ERTEs galegos corresponden á hostalería" José Mirás (CCOO)

O golpe da crise sanitaria está sendo especialmente duro para a hostalería, que aínda non sabe cando e en que condicións poderá volver a abrir as súas portas. Como é lóxico, esta situación abre unha perspectiva preocupante para os traballadores, da que falamos co delegado de CCOO Hostalería en Galicia, José Mirás. 

Dispoñedes xa de datos concretos de como está afectando a crise aos traballadores da hostalería?

Aínda non temos datos concretos de cantas persoas se quedaron na rúa, cantos están nos ERTEs, co confinamento todo se complica máis. Por outro lado, a Xunta de Galicia tampouco é moi proclive a dar os datos, sobre todo de ERTEs. O que sabemos é que de todos os ERTEs que se fan en Galicia un tercio corresponden á hostalería. Pero a maioría dos datos aparecerán despois, cando comecemos a incorporarnos á normalidade veremos cantas empresas aguantaron e cantas non. 

Pensades que quedarán moitas empresas polo camiño?

Hai que ter en conta que a hostalería foi dos primeiros sectores que sufriu o problema da alerta sanitaria. Pero ademáis hai outra cuestión que pode pasar desapercibida. En hostaleria hai moitos casos que levan sen facturar catro meses, porque os meses de xaneiro e febreiro son meses de pouco traballo, nos que moitas empresas aproveitan para pechar e facer reformas, os traballadores collen vacacións… Polo tanto hai empresas que se encontran que dende o 6 de xaneiro non volveron a facturar. 

E despois temos o problema de que cando poidan volver a abrir os establecementos vamos a encontrarnos con normativa en cuestión de aforo, a propia reticencia a viaxar… Haberá restaurantes que si se impón un aforo con 2 metros de distanciamento, van ter 4 clientes dentro. 

E nesas condicións para moitos non será rendible abrir... 

Exactamente. E aí temos o problema cos traballadores. Se un establecemento ten un aforo de 200 persoas e só poden ter 50, chegará a tendencia de adaptar o número de traballadores ao número de clientes que poidan atender. Esperamos atopar de todo. Básicamente despidos e moitos ERTEs. 

Reclamaban onte dende o Clúster de Turismo unha maior flexibilización dos ERTEs. Pensades que ese é o camiño? 

Nós pensamos que o camiño é traballar para fomentar o turismo, sobre todo interno, e a verdade é que onte no consello de turismo falábase nesa dirección. Temos que buscar fórmulas para salvagardar os postos de traballo. Nós non entendemos que as opcions sexan despidos, nin ERTEs de longa duración. Polo que hai que apostar é por reforzar máis o turismo para que se recupere o antes posible. 

En qué liñas estades traballando dende CCOO Galicia?

Estamos traballando nesa liña que acabo de comentar, e por outra banda tamén estamos vixiando de cerca os ERTEs que se están facendo para controlar que efectivamente sexan necesarios e que o impacto que teña nos traballadores sexa o mínimo posible.