Turismo da Coruña promove a cidade como destino para o día despois

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, na súa labor de promover a cidade como destino turístico, lanza unha nova campaña titulada 'Miña Coruña' que nesta ocasión busca motivar á súa cidadanía a unirse de cara a superar os duros momentos nos que todas e todos nos atopamos.

A campaña amosa A Coruña cunha mensaxe de ánimo e esperanza durante o confinamento, agradecendo o traballo e a solidariedade dos colectivos profesionais e da cidadanía, pero á vez avisa de que a cidade volverá axiña a abrirse e que pronto tanto a sociedade coruñesa coma os visitantes poderemos gozar dos seus recursos.

O vídeo, que ten un minuto e doce segundos de duración, busca enxalzar os valores atlánticos da cidade, coa luz da Torre de Hércules como eixe central. "Coa luz da vosa solidariedade, a luz da vosa empatía, a luz da responsabilidade e da esperanza. Unha luz que guiará a xeracións sinalando o futuro en futuras tormentas", di o texto da produción audiovisual.

Esta iniciativa do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, únese ás xa comezadas durante o confinamento. Entre elas está a campaña feita en conxunto con Saborea España de dar a coñecer a cidade a través da súa gastronomía e dos seus hostaleiros.

A campaña consiste na publicación de vídeos nas redes sociais de recoñecidos cociñeiros da cidade animando a quedar na casa así como de persoal dos mercados municipais coruñeses. Así mesmo, tamén se dan a coñecer receitas destes cociñeiros que axudan a que a xente que está na casa poida levar a cabo pratos deseñados polos chefs coruñeses de máis alto nivel.

Nunha segunda fase, a campaña transformará o "me quedo en casa" nun impulso ao turismo nacional pedíndolle aos cidadáns españois que apoien os destinos españois cando sexa posible viaxar "quedando na casa".

Turismo da Coruña seguirá levando a cabo visitas guiadas virtuais a través de Facebook Live dado o éxito que están obtendo. Polo de agora realizáronse xa oito visitas distintas, todas elas sobre a Torre de Hércules, as súas lendas e historias e o Parque Escultórico. Ata o momento entre todos os directos levan preto de 50.000 reproducións acumuladas.

Nas próximas semanas está previsto realizar varias visitas máis, neste caso destinadas a dar a coñecer o Camiño Inglés ou a pegada de Picasso na cidade.

Ademais, nas redes sociais de Turismo da Coruña, por iniciativa das informadoras turísticas da cidade, estanse publicando vídeos que explican diversos puntos da cidade "nun minuto" mentres que tamén continúa aberta a convocatoria que busca que cativos e cativas de todo o mundo envíen debuxos da Torre cun Arco da Vella. Polo momento téñense recibido preto de 500 gravados cos que se cubrirá o Centro de Interpretación e Atención ao Visitante unha vez que poida ser reaberto.