Turismo da Coruña promociona a cidade a través da estadía de Picasso


Turismo da Coruña continuará ofrecendo visitas guiadas virtuais para dar a coñecer o patrimonio artístico, histórico e cultural da cidade durante o confinamento que está a vivir a sociedade española. Esta semana fai unha proposta de dúas novas visitas que darán a coñecer a etapa na que o pintor Pablo Ruíz Picasso viviu na cidade herculina.

Tras o grande éxito acadado coas visitas guiadas virtuais feitas para explicar a Torre de Hércules e a súa contorna, nesta ocasión varíase a temática para falar dun dos referentes artísticos mundiais, que viviu a súa primeira etapa de pintor na nosa cidade. 

A primeira das visitas será este xoves 16 ás 12h en directo na páxina de Facebook de Turismo da Coruña (facebook.com/turismocoruna) e a seguinte o domingo 19 á mesma hora aínda que nesta ocasión orientada a que poidan coñecer a súa historia as nenas e nenos.

Ata o momento, neste primeiro mes de confinamento, as visitas virtuais guiadas levan acumuladas arredor de 50.000 reproducións. Na vindeira semana está previsto que esta nova maneira de coñecer a cidade se traslade ao Camiño Inglés do que A Coruña é porto de chegada.