Ternera Gallega poderá comercializar conxeladas algunhas carnes


A carne co selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega poderá someterse temporalmente a procesos de conxelación mentres dure o estado de alarma e/ou medidas similares decretadas en España que provoquen restricións na comercialización da carne de vacún como consecuencia do coronavirus. 

Tal e como adiantou o seu presidente, Jesús González, trátase dunha modificación do regulamento solicitada polo propio Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas da Carne de Vacún de Galicia, que xestiona a IXP Ternera Gallega, ante a forte incidencia da epidemia na saída deste produto de calidade. Unha medida excepcional que a propia normativa europea permite ante medidas sanitarias oufitosanitarias obrigatorias impostas polas autoridades públicas. 

As medidas de prevención sanitaria decretadas polo Goberno de España supoñen grandes restricións aos movementos das persoas, así como a suspensión das actividades de hostalaría e restauración. Estas restricións están afectando notablemente ao sector da carne de vacún en xeral e á Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega en particular, xa que comercializa unha boa parte da súa produción nos establecementos agora pechados. 

De aí a necesidade de modificar o prego de condicións e permitir que a carne desta IXP poida someterse a procesos de conxelación. En todo caso, estas pezas poderán comercializarse baixo a protección da IXP só ata o vindeiro 31 de decembro de 2020 e deberán cumprir os requisitos aplicables á comercialización de carne conxelada de vacún. Neste senso, deberá quedar clara a información ao consumidor sobre o proceso de conxelación e a data de consumo preferente.