Patacas da Limia directamente ao consumidor en 24h

Unha ducia de produtores de pataca da comarca da Limia (Ourense) uniuse para vender as súas patacas a través de Internet e dar a posibilidade aos consumidores de toda a península para que teñan nas súas mesas, nun prazo de 24 horas, produto de proximidade e, concretamente, dunha das zonas amparadas pola IXP Pataca de Galicia, xunto con Coristanco na comacar de Bergantiños (A Coruña e Vilalba, na Terra Chá en Lugo.

A iniciativa, da que xa se informou á Xunta enviando unha listaxe de participantes, xurdiu do propio presidente da asociación que os aglutina, Amador Díaz, quen, unha vez vendido todo o excedente da campaña 2019/2020 puxo a súa páxina web – patatasama. com- ao dispor dos seus compañeiros para que eles tamén poidan dar saída a uns dous millóns de quilos e conteñan un pouco as perdas derivadas da parálise na comercialización de tubérculo por mor da crise do coronavirus. 

"Acabei a miña mercadoría e propúxenlles aos asociados usar a plataforma loxística que eu teño co obxectivo de sacar o máximo número de patacas. Doce deles aceptaron", salienta Amador Díaz. "As patacas sairán en caixas, polo que terán que facer un envasado. Os pedidos sairán cada día dun produtor distinto, pois estaremos todos coordinados neste sentido", precisa.