Ostras de Arcade para celebrar o fin do confinamento

A gran mariscada galega dbería comezar este Domingo de Ramos en Arcade (Soutomaior) onde cada primeira fin de semana de abril se celebra a Festa da Ostra. Este ano non é posible debido ao maldito Covid 19, pero cando a pandemia nos deixe non estaría demais acudir a calquera dos restaurantes de Arcade e brindar con ao menos unha ducia deste bivalvo e cunhas burbullas galegas para celebrar o fin deste pesadelo. 

Festa de Interese Turístico de Galicia, a da ostra reúne cada ano a unhas 25.000 persoas que dan conta de máis de 100.000 unidades deste bivalvo de sabor espiritual servido nas carpas montadas pola organización no peirao vila. Esta cita gastronómica, que é unha das máis concorridas da Ría de Vigo, vense celebrando dende 1987. 

Unhas ostras, as de Arcade, que non teñen perla pero que son as verdadeiras estrelas da gastronomía desta vila litoral do Concello de Soutomaior, bañado polos ríos Verdugo e Oitavén que nos fornecen –especialmente o primeiro citado- de boas anguías, produto estrela na veciña Pontesampaio, xa pertencentae ao Concello de Pontevedra. 

Decía Álvaro Cunqueiro que “ningunha das receitas de ostras son comparables á ostra viva recen saída do mar”, pero recoñecía que con aquelas en escabeche que se enviaban en barrís de cinco ducias ás tabernas de Londres facíaselle a boca auga; as que segundo Manuel María Puga e Parga, o soado “Picadillo”, elaboraba o cura de Rianxo para gloria dos cóengos que rezaban co citado crego. 

E non digamos se fose certo o aserto do lembrado ex alcade de Soutomaior, xa finado, Fernando Pereira, que decía con certa sorna en referenza ás otras que “as de Arcade sonche afrodisíacas”. Non está demostrado que o sexan pero a cousa ándalle preto se acompañamos tan sublime bocado dun espumoso galego ou dun bo Albariño, que o de Soutomaior, que é subzona da D.O. Rías Baixas, ten xusta e merecida fama.