Os restaurantes galegos poderán servir comida para levar

Galicia decidiu permitir o desprazamento de cidadáns ata os restaurantes para recoller comida que encargasen previamente, algo que deberá facerse "con todas as garantías sanitarias" e observando a "distancia de seguridade" para evitar contaxios. 

Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión do órgano que coordina a emerxencia da Covid-19 na Comunidade, no que tamén participan o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e a Delegación do Goberno. 

Unha das medidas adoptadas pola Central de Coordinación Operativa ( Cecop) de Galicia foi ampliar as posibilidades dos restaurantes de modo que, se ata o momento había a posibilidade de repartición a domicilio, agora as persoas poderán encargar a comida e ir recollela á porta do local, o xa coñecíamos como take away (comida para llevar). 

Ademais de "facilitar" esta opción a persoas "que non poidan ir á compra nin facer a comida na súa casa", supón unha "medida de viabilidade económica" para os propios restaurantes, segundo matiza o vicepresidente do executivo galego. 

En canto ao turismo aprobouse o inicio da elaboración dun plan de seguridade hixiénico-sanitaria para "reforzar a confianza" neste sector, que incluirá "certificacións de calidade", unha vez finalicen as restricións da pandemia, tal e como explica a Xunta a través dun comunicado. 

Así mesmo, o Cecop acordou eliminar a distancia máxima de 500 metros permitida para que os particulares poidan acudir ás súas leiras de autoconsumo para efectuar labores de mantemento. Deste xeito, non haberá distancia máxima no caso de que o terreo estea no mesmo municipio e permitirase percorrer ata 5 quilómetros no caso de que estea noutro concello. 

A partir de que a Consellería do Medio Rural emita unha orde neste sentido, reláxase o tope destes desprazamentos pero aínda deberán restrinxirse ao mínimo e imprescindible para o mantemento do cultivo. En calquera caso, os cidadáns deberán achegar unha declaración responsable.